A Reserva da Biosfera Terras do Miño xa ten a programación do primeiro trimestre de 2023

LugoXa
A Reserva da Biosfera Terras do Miño xa ten o programa de actividades para o primeiro trimestres de 2023 que organiza a Deputación de Lugo
Rato reserva da biosfera
15 Dec 2022

A Reserva da Biosfera Terras do Miño xa ten o programa de actividades gratuítas para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental, xestionada pola Deputación de Lugo. A programación inclúe 7 propostas con preto de 90 prazas para todos os públicos, que se desenvolverán no primeiro trimestre do ano, dende o 2 de xaneiro ao 24 de marzo.

A primeira proposta na Reserva de Terras do Miño, enfocada para os máis pequenos, será Actividades de inverno na natureza, unha proposta que se desenvolverá no Centro de Interpretación deste espazo protexido, en Lugo, entre o 2 e o 5 de xaneiro, en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Haberá 12 prazas dispoñibles.

Do día 17 ao 20 e o 23 de xaneiro está programado un obradoiro de tear e reutilización textil creativa para a sostenibilidade, unha actividade para adultos que se desenvolverá en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. Conta con 10 prazas e este obradoiro levarase a cabo no Centro de Interpretación.

Tamén en xaneiro, do día 24 ao 30, haberá outra actividade no Centro de Interpretación Terras do Miño pensada tamén para os adultos un Curso de poda. Son 15 prazas e poderase desfrutar en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas.

Xa en febreiro, do 6 ao 10, os adultos poderán aprender sobre enxertos, unha acción que se celebrará no Centro de Interpretación Terras do Miño de 10.00 a 14.00 horas da mañá. Haberá 15 prazas dispoñibles para as persoas interesadas.

Coincidindo co entroido, o luns 20 e o mércores 22 de febreiro, realizarase a actividade Entroido na natureza, en horario de mañá: de 10:00 a 14:00 horas. Esta actividade está pensada para os máis pequenos e conta con 12 prazas.

Unha viaxe da produción convencional á produción ecolóxica e sostible na horta e no xardín é o título da primeira actividade de marzo, entre os días 6 e 10 no Centro de Interpretación Terras do Miño. Estará destinada aos adultos e terá lugar en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas. As prazas para esta proposta son 10.

O curso de Iniciación e boas prácticas medioambientais na produción de mel pecha a programación do primeiro trimestre. Celebrarase do 13 ao 17 e do 20 ao 24 de marzo en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas e ten 15 prazas.

O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns, 19 de decembro, e as actividades teñen o aforo limitado, polo que as persoas interesadas deberán anotarse a través das diferentes canles da institución provincial. Para as persoas interesadas estará habilitado o teléfono 982.305.930, o correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e un espazo na web.

Outras actividades

No Nadal tamén se levarán a cabo actividades vinculadas a este territorio. Por unha banda, os días 16, 18 e 21 de decembro haberá paseos micolóxicos, en horario de mañá, que permitirán coñecer algúns dos fungos que existen en Terras do Miño. Así mesmo, os días 22 e 23 de decembro celébrase o obradoiro de oficios tradicionais para pequenos naturalistas, co obxectivo de achegar aos máis pequenos aos oficios tradicionais a través do xogo. Esta actividade será o 22 en horario de tarde e de mañá o 23.

CARTEL_TERRAS_1T
0.18123292922974