A Reserva Nacional de Caza dos Ancares avalía a súa situación cinexética
A Reserva Nacional de Caza dos Ancares celebrou este xoves, vía telemática, a súa xunta consultiva na que, entre outros asuntos, fixo unha avaliación da situación cinexética da reserva.
Neste senso, explicouse que o censo de rebezos permanece en parámetros similares nos últimos anos. No último reconto, en xullo de 2020, rexistráronse 416 individuos, tanto na vertente de Lugo como na de León, dado que a meirande parte da poboación atópase nas proximidades das liñas de cume que separan ambas provincias, e dependendo do momento están a un lado ou outro da divisoria.
A presenza de corzos experimentou un descenso entre os anos 2007 e 2012 e estabilizouse a partir desa data ata 2016, cando iniciou a recuperación. As mostras tomadas estiman unha densidade de dous corzos por quilómetro cadrado, é dicir, entre 100 e 150 exemplares.
No que respecta á perdiz roxa, os datos recollidos entre setembro de 2019 e febreiro de 2020 reflicten a presenza de entre 30 e 35 bandos cunha poboación que oscilaría entre 210 e 250 exemplares.
A xuntanza, que estivo presidida polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, serviu ademais para repasar as actuacións realizadas nos últimos tempos na Reserva dos Ancares, que ten unhas 7.800 hectáreas de superficie. Lembraron, por exemplo, o investimento de preto de 15.000 euros nun proxecto para mellorar os hábitats para a perdiz roxa e a perdiz charrela, ademais de actuacións para acondicionar 97 quilómetros de camiños na Reserva e sementar 5 hectáreas de centeo.
O Goberno galego xestiona a Reserva Nacional de Caza dos Ancares, e na súa xunta consultiva participan tamén representantes das administracións autonómicas e locais, as asociacións de cazadores, organizacións en defensa da natureza e do territorio, a Universidade de Santiago de Compostela, e representantes dos particulares propietarios de montes e outros terreos.