A Residencia de Becerreá centrou o debate no pleno da Deputación

LugoXa
O PP critica a negativa do goberno provincial a establecer unha igualdade de tarifas e os do BNG censuran que os populares non apoien solicitar á Xunta a concertación de prazas
residencia-de-maiores-Becerreá
26 Mar 2025

O Partido Popular critica que na última sesión da Deputación de Lugo, PSOE e BNG rexeitaran igualar os prezos das prazas do Centro Residencial e de Día Comarcal de Becerreá cos doutros centros da rede provincial.

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, censurou a negativa do goberno provincial a establecer unha igualdade de tarifas. Segundo denunciou, actualmente un veciño que accede a unha praza en Navia, Meira ou Ribas de Sil paga 1.390 euros, mentres que en Becerreá o custo ascende a 2.200 euros, o que supón unha diferenza de 810 euros, un 60 % máis.

O popular lembrou ademais que no ano 2016 se asinou un convenio por 5,4 millóns de euros para a construción da residencia de Becerreá, que incluía unha rebaixa de 1,3 millóns de euros comprometida para o equipamento do centro, compromiso que segundo o PP non se cumpriu. "Agora queren que a empresa concesionaria asuma ese custo, o que impacta nos prezos finais", afirmou Ameijide.

Desde o BNG, pola súa parte, aseguraron que o Partido Popular rexeitou unha emenda do goberno provincial que solicitaba á Xunta de Galicia a concertación de prazas na residencia de Becerreá, o que permitiría financiar as prazas da rede provincial. O deputado e vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, criticou a postura do PP, sinalando que "o seu interese polos prezos que pagan os veciños de Becerreá é cero" e que "mentres financian ata o 80 % das prazas en centros privados, non destinan fondos para os centros públicos".

Castro denunciou que das dez prazas públicas ofertadas pola Xunta, oito están concertadas con centros privados, mentres que na provincia de Lugo ningunha delas se atopa en centros públicos nin nas residencias municipais de Sarria e Foz. "Non lles preocupan os veciños, só queren desgastar este goberno e eludir a súa responsabilidade na Xunta", concluíu.

 

⚙ Configurar cookies
0.16052293777466