A residencia de maiores das Gándaras inicia a emisión das entrevistas de Pulsamos Lugo

LugoXa
A residencia de maiores das Gándaras iniciou a emisión das entrevistas realizadas ao longo dos últimos meses no ciclo Pulsamos Lugo
Residencia gandaras portada
7 sep 2022

A residencia de maiores das Gándaras iniciou esta semana a emisión das entrevistas realizadas ao longo dos últimos meses no marco do ciclo Pulsamos Lugo, organizado pola Delegación Territorial da Xunta para promover que os residentes exercesen de xornalistas por un día para tomar o pulso da cidade.

Unha vez gravadas as charlas con todos os convidados, representantes de distintos ámbitos da sociedade lucense, agora proxectarase o resultado no salón de actos para que todos os usuarios poidan velo. Cada semana emitirase unha das entrevistas en varias quendas.

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha nova actividade que axude aos residentes a manterse activos e a levar unha vida participativa. Para iso formáronse grupos de usuarios que foron interactuando cos diferentes convidados, integrantes dos eidos xornalístico, deportivo, sanitario, político e social da cidade.

Entre eles figura a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro de Lugo, María Luz Abella; o presidente de Aspnais, José Reigosa; e o presidente de Cruz Vermella de Lugo, Luis Abelleira. Tamén o xornalista Paco Rivera; a atleta Adi Iglesias e a xefa do Servizo de Xeriatría do Hula, Rocío Malfeito, ademais do delegado territorial da Xunta, Javier Arias.

0.21058702468872