A Residencia de Maiores de Palas de Rei celebra o seu cuarto aniversario con todas as súas prazas cubertas

LugoXa
A xornada de celebración no centro incluíu unha serie de actividades especiais, como a visualización dun vídeo conxunto elaborado polos residentes e o persoal
políticos-na-residencia-de-maiores-Palas-de-Rei
8 Mar 2025

A Residencia de Maiores de Palas de Rei cumpriu catro anos de funcionamento cun éxito rotundo, mantendo todas as súas prazas ocupadas e unha longa lista de espera.

Na actualidade, a residencia conta cun total de 46 prazas, das cales 20 son en réxime público e 26 privadas, e todas están cubertas. Ademais, o servizo tivo unha gran acollida na Comarca da Ulloa, cunha boa parte das prazas ocupadas por persoas da zona, aínda que tamén hai residentes doutros concellos de Galicia.

Marcos Vázquez, un dos promotores do proxecto, destacou que a residencia é única na comarca e explicou que a demanda supera as prazas dispoñibles, con ampla lista de espera.

Este complexo residencial, considerado "Proxecto de Especial Interese" polo Concello, supuxo unha inversión privada local de 1.250.000 euros e xera na actualidade unha vintena de postos de traballo directos, no pleno núcleo urbano de Palas, na Avenida de Lugo.

Para conmemorar o seu cuarto aniversario, o alcalde de Palas, Pablo Taboada, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Alba Villasante, e outros membros da corporación municipal, visitaron as instalacións. Durante a visita, aproveitaron para intercambiar impresións cos usuarios, profesionais, promotores locais e a directora do centro, Mónica Pardo.

A xornada de celebración no centro incluíu unha serie de actividades especiais, como a visualización dun vídeo conxunto elaborado polos residentes e o persoal, animación musical e un menú especial para a ocasión.

⚙ Configurar cookies
0.6256959438324