A residencia de maiores de Pedrafita, xa está equipada

LugoXa
A Deputación vén de rematar o equipamento deste Centro de Atención a Maiores, que se prevé poñer a funcionar na vindeira primavera
residencia maiores pedrafita cam equipamento
6 Mar 2021

A Deputación de Lugo vén de rematar o equipamento do Centro de Atención a Maiores (CAM) de Pedrafita do Cebreiro, no que investiu preto de 275.0000 euros.  Instaláronse mobles e electrodomésticos nas zonas comúns, habitacións, cociña, lavandaría e oficinas, coa previsión de que esta dotación social comece a funcionar esta primavera.

As empresas subministradoras do equipamento acondicionaron a residencia con butacas, estantes e mesas nas salas polivalentes, uns espazos dedicados á lectura, ao visionado de televisión e que serven de puntos de reunión. Así mesmo, instalaron o mobiliario das habitacións, coas súas correspondentes camas, colchóns e mesas auxiliares. Tamén dotaron de maquinaria industrial e electrodomésticos a cociña e a lavandería, e completaron a adecuación das dependencias dedicadas a recepción e oficinas.

O CAM de Pedrafita do Cebreiro contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas desta localidade terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da comarca da Montaña e, seguidamente, os lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o custe da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder.

Desde a Deputación salientan que se trata dun servizo 100% público, "que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que, ademais, dinamiza a economía local e crea postos de traballo, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na comarca da Montaña".

CONTRATACIÓN DAS PRESTACIÓNS BÁSICAS

A institución provincial ten aberto agora un procedemento negociado para a contratación das prestacións básicas desta residencia, o último paso administrativo para poñela en marcha.  Este contrato inclúe as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica para o centro. O importe de licitación é de 771.871 euros para prestar este servizo ata xuño de 2022.

A residencia e centro de día público de Pedrafita atópase no centro do concello, concretamente, ao carón da casa consistorial, no espazo ocupado por unha antiga edificación que a entidade local cedeu ao organismo provincial. Conta cunha superficie de 1.731 metros cadrados, que se distribúen en tres plantas.

0.14855694770813