A residencia de Palas de Rei celebrou unha xornada festiva con motivo do seu quinto aniversario

A residencia de maiores de Palas de Rei conmemorou o seu quinto aniversario cunha xornada festiva organizada nas propias instalacións do centro, na que participaron usuarios, profesionais, responsables municipais e promotores da iniciativa.
Con motivo desta efeméride, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Alba Villasante, así como por outros membros da corporación municipal, visitou o centro para compartir a celebración cos residentes e co persoal. Durante a visita tiveron ocasión de conversar cos usuarios e usuarias, así como cos profesionais que desenvolven o seu traballo no complexo residencial e cos promotores locais do proxecto.
A programación da xornada incluíu diversas actividades conmemorativas, entre elas a proxección dun vídeo elaborado polos propios residentes e traballadores, animación musical e un menú especial preparado para celebrar o aniversario do centro.
Na actualidade, a residencia conta con 46 prazas en total, das cales 20 están en réxime público e 26 son privadas, todas elas ocupadas. Ademais, o centro dispón dunha ampla lista de espera. Segundo explica a directora, Mónica Pardo, máis do 60 % das persoas usuarias proceden da comarca da Ulloa, mentres que nas prazas públicas hai residentes chegados desde distintos puntos de Galicia. En canto ao proceso de adaptación, indica que adoita situarse arredor dun mes de media, aínda que depende de cada persoa, e subliña que o principal obxectivo do equipo é acompañar aos residentes para que se sintan o máis cómodos posible.
Pola súa parte, un dos promotores do proxecto, Marcos Vázquez, realiza unha valoración moi positiva destes cinco anos de traxectoria. Segundo destaca, a iniciativa naceu coa intención de ofrecer atención e coidados ás persoas maiores e, tras os primeiros anos de funcionamento, o centro atópase plenamente consolidado. Tamén puxo en valor o traballo do equipo humano, asegurando que o labor diario se realiza desde o cariño, a humildade e a proximidade cos usuarios.
Este complexo residencial, situado na avenida de Lugo e considerado polo Concello como un proxecto de especial interese, supuxo un investimento de 1.250.000 euros procedentes de iniciativa privada local. Na actualidade, o centro xera arredor dunha vintena de postos de traballo directos no propio núcleo urbano de Palas de Rei.