A residencia de Pedrafita cumpre o seu primeiro aniversario

LugoXa
O Presidente da Deputación acompaña aos usuarios da residencia de Pedrafita na celebración do 1º aniversario do centro
Aniversario CAM de Pedrafita
17 Jun 2022

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compartiu este venres a celebración polo primeiro aniversario da apertura do Centro de Atención de Pedrafita do Cebreiro cos residentes, traballadores e familiares desta residencia da institución provincial.

“É un pracer poder visitalos de novo despois de tanto tempo no que a pandemia nos impediu xuntarnos, e poder facelo ademais por un motivo tan bo, tan especial, como é a celebración do primeiro aniversario desta residencia, que foi unha das que tiven a honra de inaugurar”, sinalou Tomé Roca, que estivo tamén acompañado polo Alcalde e Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Magdalena, pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

Destacou o Presidente o esforzo conxunto que permitiu que este centro superara a peor parte da pandemia da mellor maneira e puxo tamén en valor o modelo asistencial da Deputación para afrontar este tipo de crises sanitarias. José Tomé trasladou aos usuarios e traballadores as súas felicitacións e agradecemento pola “forza e tesón” que demostraron durante a crise sanitaria.

“Na Deputación de Lugo temos un modelo de residencias público, centrado nas persoas, que está chamando a atención fóra de Galicia”, sinalou Tomé Roca. Neste sentido, lembrou que foi o único representante dunha Deputación en España convidado polo Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao acto de presentación do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de Economía Social e dos Coidados, celebrado na Moncloa, por ser un referente na atención ás persoas maiores.

O Presidente comprometeuse a “manter e mellorar, se é posible, os coidados e a atención” que reciben os usuarios dos centros de maiores da Deputación, e tamén a seguir ampliando a rede de residencias porque, con este servizo, “estamos atendendo ás persoas e, ao mesmo tempo, creando emprego e actividade económica no rural. Polo tanto, estamos axudando a que a xente, sobre todo a mocidade e as mulleres, se quede no noso rural, e que así teña futuro”.

Durante toda a xornada de hoxe, as 29 persoas que residen no Centro de Atención a Maiores de Pedrafita do Cebreiro están a desfrutar das diferentes actividades programadas pola Deputación para celebrar o primeiro aniversario da apertura da residencia. Esta mañá, o Presidente aproveitou a súa visita para facer entrega dunha figura de Gundivós aos residentes e recibiu tamén un agasallo feito a man polos usuarios e usuarias.

Pola mañá participaron nunha sesión de xogos populares, viron un vídeo do seu primeiro ano no centro e desfrutaron dun menú especial con pinchos e churrasco. O programa rematará esta tarde coa actuación musical da agrupación Son D’Festa.

170622 I Aniversario CAM de Pedrafita
0.1725480556488