A residencia de Pedrafita do Cebreiro abrirá na primavera
O Centro de Atención a Maiores (CAM) de Pedrafita do Cebreiro abrirá esta primavera. Esa é alomenos a previsión da Deputación de Lugo, que fixo o anuncio este venres despois da celebración da reunión da xunta de goberno na que se aprobou a apertura dun procedemento negociado para a contratación das prestacións básicas desta residencia, o último paso administrativo para poñela en marcha.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que o contrato inclúe as prestacións de cociña, limpeza e asistencia básica para o centro. O importe de licitación é de 771.871€ para prestar este servizo ata xuño de 2022.
"Trátase dun servizo 100% público que favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, e a conciliación, pero que ademais dinamiza a economía local e crea postos de traballo, o que contribuirá a fixar poboación neste concello e na zona", sinalou a deputada.
O CAM de Pedrafita do Cebreiro, cuxa apertura se prevé para a vindeira primavera, contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día.
RESIDENCIAS PROVINCIAIS
A Deputación ten tamén previsto abrir outras dúas residencias ao longo do 2021: a de Meira, a mediados de ano, e a de Navia de Suarna, durante o segundo semestre.
A día de hoxe, están en funcionamento as residencias provinciais de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde.