A restauración da Capela da Soidade rematará en abril, pero non impedirá a saída dos pasos de Semana Santa
As obras de restauración da Capela da Soidade da Venerable Orde Terceira en Lugo, nas que o Goberno galego inviste máis de 200.000 euros, rematarán o vindeiro mes de abril. As obras de restauración atópanse xa na súa etapa final e non van a supoñer un impedimento para a saída dos pasos de Semana Santa. Así o a anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, nunha visita a este ben.
“Somos conscientes da importancia que ten esta celebración para a cidade de Lugo, cuxa Semana Santa está declarada de Interese Turístico de Galicia, e por iso os técnicos falaron xa coas confrarías implicadas para garantir o acceso seguro á igrexa para saír cos pasos”, engadiu. O obxectivo da actuación impulsada pola Consellería é solucionar os problemas causados pola humidade corrixindo a entrada de auga a través do muros e do chan e recuperar a imaxe orixinal da capela. Para iso, as actuacións que se levaron a cabo inclúen traballos no pavimento, na nave, nos muros exteriores, nas carpinterías e no elemento escultórico pétreo de San Luis.
Deste xeito, no interior da igrexa, os técnicos sanearon o pavimento e os zócalos renovando os materiais para mellorar o illamento mediante unha capa de pedra e unha soleira ventilada. Sobre isto, asentáronse xa cangos de madeira para, nesta última fase, cravar a tarima de castiñeiro tratada cun aceito protector con acabado natural. Así mesmo, co fin de evitar novos problemas a raíz da humidade, instaláronse tubos de ventilación que facilitan a drenaxe e colocouse un zócalo de granito na porta da sancristía que axude a minimizar a entrada da auga do exterior.
Limpeza da fachada
Cómpre destacar que esta carpintería tamén foi restaurada substituíndo os elementos deteriorados. Na parte exterior do ben os traballos inclúen a limpeza das fachadas, o picado das xuntas e a renovación do rexuntado mediante a aplicación dun morteiro de cal hidráulica natural. No tocante ás carpinterías e ferraxería, cambiouse aquelas que así o requirían e arranxouse o resto de elementos mediante un decapado da pintura e a aplicación dunha nova capa.
Esta actuación dá continuidade á levada a cabo pola Xunta no ano 2015 para restaurar a cuberta e solucionar unha das principais vías de entrada de auga, así como para renovar as comunicacións verticais na zona da sancristía mediante a execución dunha nova escaleira de madeira. Ademais, no ano 2022 levouse a cabo unha sondaxe valorativa no interior da capela que deu como resultado principal a localización de varios niveis alterados do que posiblemente fose a necrópole que desde o século XVIII alberga este espazo e a localización do segundo muro ou tirante de cimentación, dos cinco nos que estaba compartimentada.