A retranca e a tradición, protagonistas no pregón de Marta Veiga
A xornalista lucense Marta Veiga Izaguirre foi a encargada de dar comezo ás actividades do Entroido 2023 co pregón que se celebrou na praza Maior. Nel a xornalista lucense recordou a dificil movilidade que ten a cidade de Lugo que "ás veces semella máis doado chegar ao espazo exterior que a Lugo" debido a falta de trens e buses interurbanos e propuxo facer un "Cabo Cañaveral en Rozas". Marta Veiga tamén tivo tempo para falar das tradicións do Entroido no rural nun pregón realizado por segundo ano consecutivo na praza Maior co obxectivo de “facilitar a participación da veciñanza no acto de inicio do Entroido”.
O acto contou coa animación musical de Condensadores de Fluzo, e a continuación foi Louband os encargados da música.
As actividades continúan e hoxe sábado 18 a animación comezará a partir das 18:00 co concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Clownamorado, de Rudi Dudi, e a partir das 20:00, a Tambukada estará no recinto histórico, rematando as actividades a partir das 22:00 coa actuación de Brassica Rapa polo recinto histórico
O domingo 19 a praza Maior acollerá a partir das 12:30 a Peter Punk co seu espectáculo Chungo que te cagas, e o luns 20 Culturactiva representará a gala de circo Introitus, continuando as actividades ás 20:00 coa actuación de Bloco Meigallo e o 22 con Unión Phenosa polo recinto histórico.
O día 21, a Gramola Gominola representará a partir das 12:30 na praza Maior o seu espectáculo As que máis molan da Gramola. Pola tarde terá lugar, a partir das 18:00 o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Carta de Ajuste.
As actividades do Entroido rematarán o mércores 22 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.