A revista Micolucus presenta un número histórico pola súa extensión e contidos

A Sociedade Micolóxica Lucus celebrará este venres 19 de decembro a presentación do número 12 da revista Micolucus, unha publicación de carácter naturalista e micolóxico que se edita desde Lugo e que se distribúe tanto a nivel estatal como internacional. O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Deputación de Lugo, no Pazo de San Marcos, con entrada libre e gratuíta.
Micolucus é unha revista que combina contidos científicos e divulgativos centrados na micoloxía e noutras disciplinas vencelladas á natureza e ao medio ambiente. A publicación distribúese de forma estratéxica en todo o territorio nacional e chega tamén a 18 países de catro continentes, consolidándose como unha referencia no ámbito da divulgación ambiental.
Este duodécimo número será especialmente salientable tanto pola extensión como pola variedade e relevancia dos seus contidos. Inclúe traballos científicos e divulgativos en ámbitos como a micoloxía, a botánica ou a primatoloxía, ademais de proxectos de investigación e fichas divulgativas dedicadas á biodiversidade que nos rodea.
Durante o acto de presentación, os propios autores e autoras dos artigos incluídos neste número explicarán brevemente os seus traballos ao público asistente, achegando así de primeira man os contidos da revista.
A edición de Micolucus conta co apoio da Deputación de Lugo, que subvenciona esta publicación. Ao remate do acto, entregarase un exemplar da revista a todas as persoas asistentes.