A rexedora destacou o “valor de Lugo como cidade do arte e aberta ao mundo” no inicio do San Froilán
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, xunto coa artista multidisciplinar Luz Darriba, que exerceu como pregoeira, e da concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, abriron o San Froilán.
A rexedora municipal destacou o “valor de Lugo como cidade do arte e aberta ao mundo”, e lembrou como o proxecto Cumulum, ideado e realizado por Luz Darriba no ano 2.000, “logrou difundir internacionalmente esa idea de muralla aberta, que hoxe coas festas ábrese dun xeito especial”.
Paula Alvarellos emprazou ás e aos lucenses “a vivir estas festas o máis intensamente posible” e sinalou que “falar destes festexos é facelo dun compendio de sensacións, pola emoción do que significan as patronais, polo orgullo de ser de Lugo e por formar parte duns festexos que son a manifestación da nosa esencia e identidade colectivas”.
No transcurso da súa intervención, a rexedora municipal falou da importancia da arte como medio para espertar conciencias e, nese sentido, puxo en valor a obra de Luz Darriba como “unha das creadoras máis reivindicativas da nosa cultura e das artes plásticas, e que representa nas súas intervencións artísticas o compromiso total co feminismo, coa diversidade e coa defensa dos dereitos humanos”.
A cidade aberta que recibe a visitantes, non só durante as festas senón como lugar no que desenvolver o seu proxecto de vida foi outra das ideas que destacou a alcaldesa, facendo referencia á chegada de Luz Darriba a Lugo no ano 1990. “Lugo acolle con portas abertas para que o talento local que sae da cidade, poida retornar; e para que o talento, chegado doutros países, fique aquí e contribúa, como no caso de Luz, a levar a nosa identidade e as súas reivindicacións, que son as de todas, polo resto do mundo”.
Pola súa banda, Luz Darriba agradeceu a oportunidade de ser pregoeira e lembrou con emoción ao seu pai, que de nena contáballe historias da súa infancia en Lugo e da muralla, que centrou boa parte do seu pregón co recordo a todas e todos os que fixeron posible o Cumulum, aquel proxecto “tan colectivo e solidario” sinalou.
Lembrou con agarimo as súas vivencias do San Froilán e pediu “festexar como crianzas, que non nos quiten nunca a ledicia da festa”. Tamén tivo palabras para todos aqueles que “nos fan superar os 100.000 habitantes” aos que deu a benvida “veñan de onde veñan”. Ao igual que transmite nas súas obras, Darriba, amosou a súa faceta máis reivindicativa en “defensa da alegría, da lingua, da cultura ou da terra”, entre outras cousas, e pediu a todas e todos gozar da cidade e dun Lugo “inclusivo, asociativo, multicultural, feminista, igualitario”.
Pouco antes do pregón, a alcaldesa e a concelleira de Cultura fixeron entrega a Luz Darriba, en sinal de agradecemento á artista, dun cadro premiado no concurso de pintura rápida de 2023, obra do pintor Oniel Rodríguez López, que co emprego de café plasmou no lenzo unha vista da Praza Maior de Lugo.
DESFILE DE GANDO
Durante esta primeira xornada, tivo lugar tamén o desfile do gando, unha das actividades máis destacadas das festas do San Froilán.
Organízase no marco do programa da feira agrogandeira Expolugo A Rural organizada coa colaboración da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e conta coa presenza de animais das principais razas autóctonas galegas como a Ovella Galega, Cabra Galega, Galiña de Mos, Porco Celta, Cabalo de Pura Raza Galega, Rubia Galega, Can de Palleiro e Galiña Piñeira.
Maite Ferreiro destacou que esta actividade "busca rememorar a orixe gandeira e popular do San Froilán" e destacou o traballo das distintas asociacións "na conservación do territorio e da paisaxe".