A rexeneración urbana da praza da Constitución conectará a Muralla co Vello Cárcere

LugoXa
A rexeneración urbana da praza da Constitución conectará a Muralla co Vello Cárcere para avanzar na transformación do recinto amurallado
Constitución 2
17 Feb 2023

A Arteria Verde prevista para o Centro Histórico de Lugo está na recta final coa derradeira obra que consistirá na rexeneración urbanística da praza da Constitución coa que se pretende avanzar na transformación deseñada para o recinto amurallado.

“Trátase de renaturalizar o terceiro maior espazo axardinado que os e as lucenses temos a carón do monumento bimilenario, logo do Parque de Rosalía de Castro e da Praza Maior e a nosa vontade é levar a cabo unha actuación que ennobrezca toda a contorna, recuperando o protagonismo que ostentaba a antiga alameda do Vello Cárcere, como lugar de descanso e socialización e non só como zona de tránsito cara outros destinos”, sinalou Lara Méndez que esta mañá presentou o anteproxecto xunto aos redactores do mesmo, Marcial Rodríguez e Alberto Redondo, de VRV Arquitectos e os tenentes de alcadesa Paula Alvarellos e Miguel Fernández.

A rexedora lucense referiu que as peonalizacións levadas a cabo na Mosqueira e tamén no treito entre a rúa Vilalba e a propia Rolda foron “unha oportunidade perfecta para propiciar a recuperación doutro espazo público máis para a cidadanía, ao que lle daremos un uso eminentemente peonil. A rehabilitación do Vello Cárcere, convertido en centro sociocultural, constitúese ademais como un elemento dinamizador que agora esixe da adecuación da súa contorna para dotalo do marco urbano adecuado”.

A proposta servirá para recuperar a conexión directa da Porta do Campo Castelo coa reconstrución do óvalo arborizado da praza, de maneira que se eliminará a parte máis descontextualizada, a que leva á estación de autobuses en vías de desaparición.

“A intervención, que xa dispón do beneplácito da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en canto ás necesidades de protección, terá por obxecto a recuperación dun espazo histórico fortemente vinculado ao desenvolvemento da cidade no século XIX. Ao mesmo tempo que a súa ampliación e remodelación reverterá directamente na calidade de vida da veciñanza tanto pola posibilidade de dispoñer de maior espazo verde no centro urbano, como polos beneficios a nivel ambiental que a redución do tráfico e a plantación de novo arboredo supón”, avanzou a alcaldesa.

O anteproxecto contempla tres tipos de actuacións: as que comprenden a eliminación dos elementos que desvirtuaron a imaxe da antiga alameda do Cárcere como espazo de principal interese para a cidade; as que se orientan a recuperar a praza como parque público incrementando a vinculación da Porta do Campo Castelo co centro sociocultural e, finalmente, as que se destinan a integrar na nova configuración todos aqueles elementos derivados do uso actual da praza que deben manterse, como son os accesos ao aparcamento soterrado, o tráfico atenuado ou restrinxido, etc.

Dentro das primeiras, a principal acción consiste na eliminación do tramo asfaltado da avenida Alcalde Anxo López Pérez que actualmente atravesa de forma diagonal a praza (entre a esquina nordés e a sueste), dividíndoa en dúas zonas, unha delas con uso de parque público e, a outra, reservada para o paso do tráfico rodado ao seu redor e ás entradas e saídas ao parking.

Nesta zona se eliminarán, tamén, o conxunto de illotes e zonas asfaltadas destinadas ao tráfico de vehículos, así como os tramos de calzada da parte das rúas Cidade de Vigo e Ángel López Pérez, xa que se imporá unha plataforma única de tráfico calmado.

“A recuperación da parte do arboredo perdido coa construción dos accesos á estación de autobuses devolverá á praza o seu antigo carácter social, completando a plantación en forma de dobre óvalo que tiña a alameda orixinal. Unha forma que, igualmente, se fará patente no pavimento”, engadiu a rexedora.

A ampliación do parque, na zona este, posibilitará a súa apertura á realización de diversas actividades (terraza, pequenos espectáculos e actuacións, punto de encontro xuvenil, etc.), poñéndoa en relación co seu antigo uso, como continuación do Campo da Feira (emprazado nos terreos que hoxe ocupa a estación) que nas imaxes históricas aparece dedicado á venda de obxectos de olería.

“Para conseguir unha mellor accesibilidade e maior integración entre o parque e a Rolda da Muralla substituiranse as escaleiras de paso desde a Porta do Campo Castelo por unha rampla que terá continuidade nunha senda pavimentada que conduce á entrada ao Vello Cárcere e abrirase unha pequena entrada na esquina noroeste (pegada ao centro escolar), que se resolve cun tramo de escaleiras creando un lugar de paso que evitará un posible punto de inseguridade”, explicou a alcaldesa.

O murete de peche se transformará nun banco en prol dunha maior integración de todas as zonas das que se compón a área, enfatizando o carácter estancial da mesma e a súa relación coa Muralla. Algo similiar sucederá coas ramplas de entrada e saída ao estacionamento soterrrado que se incluirán na zona verde para minimizar a súa presenza.

O acceso peonil ao aparcadoiro - xunto ao que se construirá unha pequena bancada de granito a modo de asento informal e orientada cara a construción romana - se dotará dunha nova envolvente acristalada, o máis transparente posible, que permita a continuidade visual a través del, respectando a totalidade das árbores existentes.

Arboredo, xardinería e plantacións.

Lara Méndez trasladou, así mesmo, que os exemplares non só se conservarán senón que tamén se completará a alameda circular ao redor da fonte con árbores da mesma especie (plataneiros), incorporando outros de porte máis columnar diante da estación e na fronte da mazá entre a rúa Cidade de Vigo e a Rolda da Muralla que, alén de redundar na integración das distintas edificacións, axudarán a delimitar claramente a zona de tránsito rodado da exclusivamente peonil.

Cada unha das árbores contará co seu propio alcorque que incorpora xa un sistema de aireación e rego por goteo, actuando, á súa vez, estes alcorques como microxardíns con especies de baixo mantemento capaces de almacenar auga en períodos de grande intensidade pluviométrica.

Igualmente se plantarán arbustos e sebes para minimizar a presenza das entradas do parking.

Elementos escultóricos

Por outra banda, a Fonte das Ras, un elemento con moito arraigamento entre a veciñanza, será remodelada para integrala no novo parque, deixando a súa pila á cota da praza e eliminando o noiro con aplacado de pedra sobre o que está elevada agora. O conxunto escultórico restaurarase mantendo a estrutura actual e soamente se modificará a xeometría do vaso por outra circular, co mesmo granito que xa ten.

O resto de estatuas conmemorativas e elementos escultóricos existentes (busto de Concepción Arenal, figura dos Pelúdez, centinela romano) volverán colocarse de acordo coa nova disposición das circulacións e dos espazos verdes.

Iluminación

En canto á iluminación, a nova praza contará cunha nova instalación de luminarias LED que propiciarán un maior aforro enerxético e disporán dun sistema de regulación con diferentes escenas, segundo se trate da Alameda (máis intimista), o Vello Cárcere e fachadas de edificios colindantes (mellorando a visibilidade nas proximidades dos inmobles pero delimitando, tamén, o espazo de tránsito de vehículos) ou a Muralla, na que se terán en conta as directrices refrendadas por Patrimonio.

Mentres, a transparencia acadada coa envolvente de vidro da saída peonil do aparcamento incrementará a visión nocturna deste elemento, a modo dunha gran caixa de luz que iluminará a súa contorna inmediata, transmitindo unha sensación de seguridade ás persoas usuarias e viandantes.

A mandataria lucense incidiu en que os niveis de intensidade das lámpadas “serán adecuados e adaptados ás necesidades específicas de cada zona para evitar que haxa espazos sobre iluminados con consumos innecesarios, minorando, á súa vez, a contaminación lumínica”.

Soterramento das instalacións e reutilización do mobiliario urbano en bo estado.

Xa para finalizar tamén se renovará todo o sistema de evacuación de augas pluviais e soterraranse as instalacións aéreas grampadas ás fachadas do Vello Cárcere, estación de autobuses e edificacións do bordo este, reemplazando todas aquelas que xa estean soterradas e se atopen en mal estado.

“Toda a actuación cumprirá coa normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, de modo que a totalidade do espazo público sexa accesible para persoas con mobilidade reducida ou outro tipo de discapacidade. E, xa, en canto aos pavimentos, a actuación contempla a simbiose de diferentes tipos que van dende a saburra para a zona central do parque, pasando polo formigón tinguido con acabado visto para as zonas de tráfico restrinxido ou por laxas de granito silvestre nos camiños que o atravesan e na base dos bancos”.

Para rematar, Lara Méndez clarificou que o Executivo local procederá nos vindeiros días a licitar a elaboración do proxecto definitivo da intervención, cuxo orzamento parte dun millón e medio de euros.

Vista aérea Praza da Constitucion
0.17603182792664