A Rolda das Mercedes contará con novo alumeado
Unha nova actuación permitirá avanzar na renovación da rede de alumeado público, segundo informou Alexandre Penas quen explicou que "nas vindeiras semanas comezará a renovación do alumeado da Rolda das Mercedes, instalando alumeado LED de baixo consumo, que permite unha boa capacidade lumínica reducindo o consumo enerxético e as emisións de substancias contaminantes emitidas á atmosfera pola rede de alumeado público da cidade".
A concellería de Infraestruturas renovará o alumeado da Rolda das Mercedes e Xosé Castiñeira, instalando 19 novas luminarias de 130W, o que mellorará a visibilidade da zona permitindo reducir o consumo eléctrico ao substituíren á instalación actual, ao mesmo tempo que se renova o cableado.
Desde a concellería de Infraestruturas continúase a investir na renovación da rede de alumeado, con distintos proxectos postos en funcionamento por toda a cidade, con traballos que se están a executar na Rolda do Carme e nas rúas Camiño do Souto, Camiño da Croa, Fiuncho, Fisterra, Magarza e na prolongación do Camiño do Souto. En total substitúense 109 luminarias, reducindo o consumo en 41.134 kWh.