A rúa do Esquecemento acollerá un dos primeiros parklet de Lugo
As obras de peonalización da rúa do Esquecemento atópanse na súa fase final. Cando termine a actuación urbanística, esta rúa converterase nunha zona peonil pavimentada con formigón impreso con estética de madeira e acollerá un dos primeiros parklet que se están a instalar na cidade (xa se colocou outro no canil das Estantigas), que son novidosas estruturas de descanso que inclúen vexetación.
Pero, ademais, a transformación da rúa vén tamén da man da mocidade que está a participar no primeiro programa Urban Cores e que está destinado ao embelecemento da cidade pero plantexado como un recurso lúdico-formativo dirixido á xuventude máis vulnerable.
A rúa do Esquecemento foi un dos lugares elixidos para programar actividades e talleres de graffiti nos que os mozos e mozas participan nas obras e comparten experiencias cos artistas invitados, unha representación das e dos artistas máis puxantes de Lugo e Galicia.
O éxito foi tal que a veciñanza comezou a ceder máis paredes das súas propiedade na mesma rúa para que se amplíen os muros nos que inicialmente estaba previsto actuar.