A rúa do Esquecemento convertida nun museo de arte urbana ao aire libre
A rúa do esquecemento é a primeira rúa de Galicia en converterse nun museo de arte urbana ao aire libre tras unhas obras que incluíron a peonalización da vía, a súa humanización e embelecemento a través de murais.
Acompañada de veciños e veciñas da Milagrosa e de grafiteiros lucenses, Lara Méndez puxo en valor a transformación que sufriu a vía, agora peonil, “colorida e, sobre todo, un novo espazo de socialización para a cidadanía”. Neste senso, a rexedora expresou a súa satisfacción “polo fermoso resultado acadado”, convertendoa, a través da iniciativa municipal e do talento lucense, “nun emblema e referente da arte urbana e do talento artístico da cidade”.
“Nela – destacou – conflúen elementos que a fan única no mundo, xa que nas súas fachadas plasmaron as súas obras algúns dos mellores e recoñecidos artistas do municipio e de Galicia, pero tamén mozos e mozas de colectivos vulnerables que aprenderon dos grandes profesionais do graffiti, grazas ao programa municipal Urban Cores”.
“Este marabilloso proxecto non sería unha realidade sen a veciñanza, xa que a peonalización desta rúa, lembrou, naceu dun proceso de participación cidadá que puxemos en marcha coa iniciativa Muramiñae Rehabilita, coa que formamos e empregamos a persoas en risco de exclusión social. Tamén residentes e propietarios de locais cederon as fachadas para que este Museo sexa hoxe unha realidade”, sostivo Lara Méndez.
“É por iso que a rúa do Esquecemento representa o mellor da cidade, onde as políticas públicas en favor da inclusión social, o talento e a solidariedade veciñal danse a man”, engadiu a alcalesa.
A rexedora recordou que “a intervención xorde a raíz dunha demanda social, pois recibimos numerosas peticións para acondicionar e restrinxir a circulación de vehículos nesta rúa, gañando espazo para os peóns e unha nova zona de esparexemento e de conexión para o conxunto da veciñanza”.
O proceso de transformación comezou coa súa peonalización, que innovou xa coa pavimentación, con formigón impreso con estética de madeira, e que acolleu un dos primeiros parklet que se están a instalar na cidade. Deste xeito, pechouse a rúa ao tráfico rodado, con excepción de residentes e servizos de subministración aos negocios existentes, e executouse un pavimento peonil sobre o asfaltado existente, mellorando ao mesmo tempo a accesibilidade da vía, eliminando calquera tipo de barreira arquitectónica.
“Pero non quedamos aí, quixemos ir un paso máis aló e embelecer as fachadas da vía, para facela máis atractiva, moderna e viva. Así, a través do programa ‘Urban Cores’ –un programa de talleres inclusivos de graffiti no que participan mozos e mozas de colectivos vulnerables–, propuxémonos decorar a contorna do novo parklet”, explicou a rexedora quen engadiu que “, o éxito foi tal que os veciños e veciñas cedéronnos máis paredes da súa propiedade para ampliar os murais, de xeito que lle demos continuidade a este proceso a través do programa Arte Urbano Inclusivo Muramiñae”.
En agradecemento ao traballo desenvolto polos gratieiros lucenses, na rúa instalouse un tótem no que figura información sobre os artistas que participaron na súa decoración e que foi descuberto durante o acto desta tarde, no que estiveron presentes algúns dos mesmos: José Manuel, Alice, Diana, Yahaira, Alberto, Andrés ou Macarena, entre eles. Neste senso, Méndez apuntou que “o Goberno local leva impulsando a arte urbana desde o 2009, como unha forma de expresión que non só embelece a cidade, senón que nos permite enxalzar ideas, valores e colectivos”.
A alcaldesa tamén quixo agradecer a súa implicación ao artista Manuel Andrés Pallín Castro que, xunto a Marcos Pereira (integrantes ámbolos dous de Concepto Circo) e Diego As foron os formadores que guiaron e instruiron á mocidade nesta arte de pintura con aerosol, a través dos programas de talleres inclusivos de graffiti impulsados polo executivo municipal.
“A rúa do Esquecemento é hoxe un emblema de como podemos cambiar e gañar zonas para a cidadanía, creando novos espazos de esparexemento para o conxunto da veciñanza, ao tempo que facemos máis agradable o paso pola vía e fomentamos a socialización”, concluíu a rexedora. Tralas intervencións públicas tivo lugar unha actuación musical a cargo da escola de danza Ritmo Lugo e unha merenda.
A peonalización da rúa do Esquecemento foi financiada a través da estratexia DUSI, na que o 80% son Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e o 20% municipais.