A rúa Gallego Tato convértese para o BNG no "modelo para as contornas dos centros escolares"
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, visitou a rúa Gallego Tato, “unha das intervencións que son un espello do modelo do BNG para as contornas escolares”, explicou. O candidato do BNG afirmou que “neste mandato, desde o BNG fixemos un importante esforzo desde a nosa chegada ao goberno para aumentar a seguridade viaria nas contornas escolares, traballo que continuou coa humanización da entrada do centro escolar que conta con máis estudantes de todo Lugo”.
"Esta intervención é o espello no que, desde a alcaldía de Lugo, continuaremos avanzando na humanización dos centros de ensino”, explicou o candidato do BNG, que engadiu "a partir deste domingo será prioritario continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas".
Arroxo puxo en valor o traballo executado polo BNG nestes catro anos a través da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, coa peonalización de 14 rúas e un importante esforzo no calmado do tráfico. "Gañamos case dúas hectáreas de espazos peonís humanizados e aumentamos enormemente a seguridade peonil", afirmou Rubén Arroxo, que pediu o apoio da veciñanza para o BNG afirmando que "se Lugo cambiou tanto co BNG na tenencia de Alcaldía, imaxinade o que seremos capaces de facer a partir do 28 de maio desde a Alcaldía de Lugo".
O BNG na xornada de hoxe celebrará un encontro coa veciñanza do barrio do Castiñeiro, “un barrio que conta cunha gran densidade de poboación e que necesita dun esforzo por parte das institucións para dar servizos á veciñanza da zona”. Na xornada de mañá, o BNG celebrará o seu acto central de campaña en Lugo, e contará coa presencia da portavoz nacional do BNG; Ana Pontón.