A rúa Lavanco, nas Gándaras, conta cun asfalto renovado
O asfalto da rúa Lavanco, no barrio das Gándaras, vén de ser renovado segundo anuncio o concelleiro de Infraestruturas. Penas afirmou que “neste mandato realizamos un importante esforzo en todas as zoas periurbanas, e un exemplo é o barrio das gándaras, onde se actuou na práctica totalidade dos viais da zona, tanto no asfaltado como no alumeado”.
Os traballos a executar consisten na limpeza da vía, seguido do bacheo superficial da banda de rodadura actual, e a instalación unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, o que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, garantindo que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, adaptaranse os rexistros á nova cota da vía e renovarase a sinalización horizontal.
Alexandre Penas afirmou que “se a administración titular do aparcadoiro do Campo de Fútbol das Gándaras a transfire ao concello, desde o Goberno de Lugo estamos en disposición de renovar o asfalto”. O concelleiro lembrou que "esta reclamación realízana constantemente moitas veciñas e veciños, que asisten a esta instalación deportiva habitualmente, e que non contan con accesos nin espazos de estacionamento dignos", e engadiu “tanto a Xunta como o Estado din que o terreo non é da súa titularidade, desde a tenencia de alcaldía queremos traballar e realizar as intervencións precisas para o bo uso desta instalación por parte da veciñanza”.