A Ruta da Androlla non se celebrará este ano nos Ancares

O colectivo Ancares Cuatro x Cuatro Navia de Suarna comunicou que este ano non se celebrará a tradicional Ruta da Androlla, unha cita que leva anos reunindo a participantes e visitantes na localidade. Segundo explican, a suspensión débese a unha denuncia presentada por “axentes medioambientais pertencentes ao Servizo de Patrimonio Natural; Distrito Ambiental VII- Fonsagrada-Ancares”.
O grupo aproveita para manifestar a súa crítica á forma en que se xestionan estes eventos, cuestionando que se tome a decisión sen consultar á veciñanza da zona e advertindo que estas actuacións acaban con todo o que se leva feito para dinamizar o rural. Denuncian que, a pesar das campañas e limpeza de camiños realizadas durante anos polo propio colectivo, as administracións atribúense o mérito das actuacións e priorizan normas ou denuncias que, segundo eles, responden máis a intereses políticos que ao coidado do territorio.
“O evento, que se celebraba desde hai moitos anos e que enchería o pobo de xente, non interesa áqueles que toman as decisións desde os despachos”, sinala o comunicado. O colectivo asegura que continuará “pisando monte como sempre o fixo”, mantendo a súa actividade no rural pese ás dificultades administrativas.