A Ruta das Loras, un percorrido polo patrimonio de Baleira que mantén vivo o pasado de Librán
O camiño na contorna do Camiño Primitivo, que homenaxea aos veciños da parroquia de Librán, permite achegarse aos exemplos arquitectónicas tradicionais da zona como os hórreos
A variedade de mostras arquitectónicas, como a igrexa de San Miguel de A Braña ou a capela de Castro, enriquecen o patrimonio artístico do municipio conformado por mostras de arte sacro, arquitectura civil e restos arqueolóxicos. Pero Baleira, que forma parte do percorrido do Camiño Primitivo, tamén ofrece unha riqueza paisaxística de gran valor natural con varias rutas de sendeirismo, mountain bike ou escalada a través das que descubrir a contorna do concello.
A ruta das Loras é un dos itinerarios máis recentes que puxo en marcha o Concello co apoio do GDR Montes e Vales para promocionar turísticamente a zona. Trátase dun itinerario circular de 13,1 quilómetros, que se poden percorrer en pouco máis dunhas 4 horas, e que discorren na súa totalidade por camiños consolidados do municipio. O nome homenaxea aos veciños da parroquia de Librán, pola que discorre parte dos tramos incluídos no percorrido, que ían ao monte común O Carballal para abastecerse de varas de Carballo.
Con elas fabricaban a lora, o lazo que vai no centro do xugo e co que se suxeitaba polo pescozo ou pola cabeza a unha parella de animais de tiro para enganchalos ao carro ou ao arado, e que vendían nas feiras dos arredores como Meira, Castroverde, Baralla ou no San Froilán en Lugo.
Arranca na praza Campo da Feira do Cádavo para seguir o Camiño cara A Fonsagrada ata chegar ao Campo da Matanza, na parroquia de Esperela, onde se librou unha batalla en tempos de Alfonso II. Como testemuño do enfrontamento no ano 813 durante a invasión musulmá entre os mouros e o rei, consérvase un escudo na antiga Casa do concello no que aparece un cristián armado acoitelando aos soldados mouros, que se suman ás escavacións realizadas que deixaron ás descuberto armaduras, acicates e restos humanos.
Ao longo da ruta, o camiñante atopará multitude de hórreos emblemáticos como situado en Penas. Os desta zona manteñen similitudes cos asturianos, pola súa planta cadrada, por erixirse sobre postes e pola súa cuberta a catro augas de palla de centeo ou lousa. Dende o alto de Penas. Iníciase o descenso pola antiga Ruta da Fariña, pola que os habitantes de Penas se dirixían ao muíño no núcleo da Golpilleira para recoller fariña que transportaban nas alforxas dos seus cabalos ou burros.
Desde este lugar, contémplase unha magnífica vista do monte de Lastra e do val Neira. O percorrido encóntrase coa ruta da Fontaneira para dar opción así aos máis adestrados no sendeirimos de sumar 27 quilómetros de itinerario por uns tramos que chegan aos 1.000 metros de altitude nalgún punto.