A Ruta dos Muíños de Nacente, o sendeiro que mestura cultura e natureza en Castroverde

LugoXa
O percorrido comeza no muíño da Lamela e remata no da Cabanela e permite coñecer parte da historia do municipio lucense
Ruta-dos-Muíños-de-Nacente_muino-cabaleiros
27 Xul 2024

Este percorrido polo municipio lucense amosa unha vintena de muíños, como o de Lamela, o de Cabanela, o de Dourado ou o de Cabaleiros, ademais doutras mostras patrimoniais como o pazo de Vilabade e a Vía Romana e constitúe unha boa forma de achegarse á flora e á fauna do lugar e de explotar parte da cultura e da historia. Trátase dunha ruta de menos de 30 quilómetros de lonxitude e de dificultade moderada a través da que se percorrerán os muíños entre as aldeas de Gradón e Furís de Abaixo.

O camiñante visitará pequenos núcleos rurais, carreiros e camiños forestais ademais dunha ampla variedade etnográfica. A viaxe comeza en Rodinso, no muíño de Lamela, un dos poucos con nora exterior de Galicia e por onde tamén pasa a Ruta dos Muíños de Poñente, que tamén amosa estas construcións tan típicas de Castroverde. Antes de chegar á serra da Vaqueriza, pódese tomar un desvío cara o núcleo Vilabade para admirar o pazo do século XVII cuxa orixe está vinculada coa Casa de Castro.

Situado no antigo Camiño de Santiago, a historia de Vilabade e a do pazo remóntase a un antigo convento franciscano, fundado tras a peregrinación que San Francisco de Asís fixo no 1207, onde se conta que recibiu a iluminación de crear a Orde Franciscana. A pesar da súa vinculación inicial, a construción foi posiblemente hospital de peregrinos ata mediados do 1600, cando Diego Osorio de Escobar, vicerrei de Nova España e inquisidor de Toledo, o transforma para dedicar o espazo para o seu retiro, dándolle a imaxe que conserva na actualidade.

De regreso á ruta principal, camiñarase por pequenos vales, visitando núcleos de poboación como Masoucos, onde se localiza unha igrexa de planta rectangular con nave a dúas augas erixida sobre un antigo castro da Idade de Ferro. No recinto apareceron varios sartegos que se aproveitaron nas reformas da tapia do adro da igrexa. Continuando polos sendeiros, rodeados de soutos e carballeiras, o itinerario diríxese cara o Dourado, un muíño de cubo, con dúas moas, planta rectangular e estrutura vertical con muros de cachotería de xisto e granito e marcos de cantería nos ocos. Tamén se pasará por Vilacote, núcleo no que se conserva a igrexa de San Pedro e por Riomol, onde hai unha desviación cara ó muíño de Cabaleiros. Chegaremos ao final do camiño en Furís de abaixo para contemplar os últimos dous protagonistas deste percorrido: o muíño de Portela e o de Cabanela.

 

 

0.19584703445435