A sala de prensa do Pazo dos Deportes leva o nome de Mirian Vázquez Pérez

Mirian Vázquez Pérez, comunicadora e breoganista que faleceu en 2018 dun sarcoma de Ewing, dálle nome á sala de prensa do Pazo dos Deportes, despois de que os seus pais, José Manuel e Marian, e representantes da Peña Breogán descubriran a placa, acompañados polo vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e por Salva Arco e Rocío Varela, en representación do CB Breogán e do Ensino.
A súa vivencia da enfermidade, que compartiu a través das redes sociais e do blog Queda mucha vida, converteuna nun referente da loita contra o cancro para a sociedade lucense e galega, tal e como se recoñeceu no emotivo acto de inauguración da placa, celebrado esta tarde.
A familia de Mirian Vázquez lembrou a súa paixón polo Breogán e o entusiasmo co que viviu o seu período de prácticas no departamento de Comunicación do club, motivo polo que propuxeron a iniciativa.
Efrén Castro destacou “a emotividade de acompañar á familia de Mirian Vázquez neste acto que nace da súa gran paixón polo Breogán e pola súa vinculación co mundo da comunicación e que apoiamos tamén como recoñecemento a súa labor de visibilización do cancro, compartindo unha experiencia na que se viron reflectidas moitas persoas.
A súa experiencia de loita contra o cancro deu orixe á asociación Somos Unidos contra o Cancro, que segue a dar continuidade ao seu legado ofrecendo acompañamento e apoio as persoas con cancro con servizos e apoiando a investigación.