A sala expositiva Espazo Memoria Viva seguirá aberta no Cemiterio Municipal San Froilán

LugoXa
O Concello ratifica a adhesión á Rede de Cidades que Camiñan e inicia o proceso para garantir a apertura da sala expositiva no Cemiterio de San Froilán cun contrato de ata cinco anos
Xunta-de-Goberno-Lugo-novembro
5 Nov 2025

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou os principais acordos aprobados na Xunta de Goberno Local, entre os que destacan a ratificación da adhesión do municipio á Rede de Cidades que Camiñan e o inicio do procedemento de contratación do servizo de vixilancia e atención ao público do Espazo Memoria Viva, situado no Cemiterio Municipal de San Froilán.

Arroxo salientou que a Rede de Cidades que Camiñan “integra 87 cidades e 3 deputacións, representando máis de 9,7 millóns de habitantes, e promove un modelo urbano centrado nas persoas, na mobilidade sostible e na recuperación do espazo público para camiñar, convivir e socializar”.

Lembrou ademais que Lugo xa ratificara a súa adhesión en pleno o 26 de xaneiro de 2017 e que este compromiso implica impulsar accións para mellorar a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade ambiental e a autonomía infantil. “Queremos un Lugo pensado para as persoas, que recupere o espazo público e favoreza hábitos saudables de mobilidade”, afirmou, subliñando que o municipio reforza así o seu camiño cara a unha cidade máis amable, segura e sostible.

A rede ofrece asesoramento técnico, programas de promoción, visitas formativas e difusión de boas prácticas, ademais de visibilizar os atractivos turísticos e ambientais das cidades integrantes a través da súa web, redes sociais e a Revista Ekko.

A sesión tamén aprobou a apertura do proceso de licitación para o servizo de apertura e atención ao público da sala expositiva Espazo Memoria Viva.

Trátase dun contrato cun orzamento anual máximo de 9.985,04 euros, con duración dun ano prorrogable ata cinco, que permitirá garantir o funcionamento continuado deste espazo dedicado á memoria histórica da cidade.

O Espazo Memoria Viva acolle a exposición permanente 'As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán', resultado da colaboración entre a área de Participación e a Universidade de Santiago de Compostela e comisariada inicialmente por Ana Goy Diz, recoñecida de maneira póstuma polo seu traballo na posta en valor do patrimonio funerario de Lugo.

A sala abrirá ao público as fins de semana e festivos, en horario de 10:00 a 12:00 e de 16:00 a 18:00 horas os sábados, e de 10:00 a 12:00 horas domingos e festivos.

Durante a Semana Santa, abrirá de luns a mércores no mesmo horario, e os días festivos de 10:00 a 12:00 horas. Arroxo destacou que estes acordos “reflicten o modelo de cidade que defendemos: un Lugo que coida da súa memoria e aposta polo futuro desde a sustentabilidade, a participación e o benestar cidadán”.

⚙ Configurar cookies
0.076512098312378