A sala NÉBOA de Lugo exhibe a exposición 'a sweaty dispersal into the fog' de Andrea Davila Rubio

A sala de arte contemporánea NÉBOA de Lugo acolle durante os meses de verán a exposición a sweaty dispersal into the fog, un proxecto da artista Andrea Davila Rubio que mestura escultura, corpo e contorno desde unha ollada feminista posthumana. A mostra está comisariada por Nuria López Blanco e nace da residencia que Davila realizou no Atelier Mondial–Institute Art Gender Nature (IAGN) da HGK-FHNW en Basilea, Suíza.
O proxecto continúa unha liña de investigación artística que explora a relación entre o corpo e o seu medio como un ecosistema poroso, afectivo e en constante transformación. A través dunha práctica escultórica guiada pola intuición e polas reaccións dos materiais —como a fibra de vidro, o aceiro inoxidable, a auga salgada ou imaxes extraídas da paisaxe—, Davila propón unha aproximación sensíbel e non xerárquica entre o humano e o non humano.
A exposición constrúe unha coreografía líquida e etérea de corpos que suan, se evaporan, se transforman e comparten un espazo salgado e brumoso. Corpos vexetais, corpos de auga, corpos que se arrefecen ao ritmo da respiración dan forma a unha instalación que se sitúa no cruce entre escultura, ecoloxía afectiva e experiencia corporal.
A mostra compleméntase cun texto comisarial que evoca a experiencia de correr á beira da ría, onde o corpo entra en contacto coa humidade, o salitre, a luz e o metal. Segundo palabras da comisaria, “o traballo de Andrea existe nese lugar e nese momento, no que ela deixa de correr, no que o alento seca e o suor disípase nesa néboa salgada”. Ese instante suspendido materialízase nunha instalación que convida a repensar como habitamos e coidamos o contorno desde o corpo e os seus límites difusos.