A sede da Xunta en Lugo proxecta o documental “A mili no Sáhara” o día 29 de xaneiro

A sede da Xunta de Galicia en Lugo acollerá o vindeiro día 29 de xaneiro a proxección do documental “A mili no Sáhara”, unha iniciativa impulsada pola Fundación e pola Asociación Nacional de Veteranos do Sáhara. O acto foi presentado hoxe polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, xunto co representante deste colectivo na provincia, Julio Méndez.
A proxección dará comezo ás 19.00 horas e contará con entrada libre e gratuíta, aínda que será necesario realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico juliomendezmdellano@hotmail.com
. O documental recolle testemuños directos e unha ampla colección de material achegado polos mozos que cumpriron o servizo militar no Sáhara ata mediados da década dos setenta, ofrecendo unha visión persoal e histórica daquela etapa.
As entidades organizadoras promoven tamén a exposición itinerante “A mili no Sáhara”, que hai uns meses puido verse na Biblioteca Pública Provincial grazas á colaboración da Subdelegación de Defensa e co apoio da Xunta de Galicia. Ademais, manteñen activa unha completa páxina web que funciona como punto de encontro para os veteranos e como ferramenta divulgativa e de memoria histórica para as novas xeracións.