A sede do PP de Lugo acollerá unha conferencia sobre o modelo ‘Madrid Talento’

A sede do Partido Popular de Lugo será escenario o xoves 15 de xaneiro, a partir das 20.00 horas, dunha nova conferencia do ciclo #EspazoAbertoPopular, que nesta ocasión contará coa participación de Antonio Sánchez Díaz para presentar a experiencia ‘Madrid Talento’.
Baixo o título Necesitamos un nuevo servidor público. La experiencia de Madrid Talento, o director xeral de planificación de recursos humanos do Ayuntamiento de Madrid ofrecerá unha conferencia aberta ao público na que afondará nunha experiencia aplicada e práctica vinculada a un novo modelo de xestión de recursos humanos na Administración Pública, desenvolvido na capital do Estado.
Antonio Sánchez Díaz defende a necesidade de transformar a Administración Pública para que siga cumprindo co seu propósito de servizo á sociedade, apostando por un novo perfil de servidor público que permita adaptar as institucións á realidade social actual.
O proxecto ‘Madrid Talento’ ten como obxectivo garantir que a cidade conte cos mellores profesionais ao seu servizo, atraendo talento á función pública e coidando a experiencia do empregado, apoiándose de maneira permanente nas ferramentas da innovación e da comunicación.
Con esta nova cita, o ciclo #EspazoAbertoPopular continúa consolidándose como un espazo aberto á sociedade lucense a través de conferencias, presentacións e coloquios sobre cuestións de interese social, impulsadas polo PP da provincia de Lugo coa finalidade de promover unha política útil, próxima e comprometida coa cidadanía.