A segunda edición da carreira solidaria 'Donar é amar' de Alcer Lugo será en xuño

LugoXa
Despois do éxito da primeira edición, Alcer Lugo decidiu cambiar a data da cita para achegala ao Día Nacional do Donante de Órganos e Tecidos, que se celebra o 4 de xuño
Donar-é-Amar-Alcer-Lugo-carreira-solidaria
25 Mar 2025

A segunda edición da carreira solidaria 'Donar é amar', organizada pola Asociación de Loita contra as Enfermidades Renais (Alcer Lugo), terá lugar o próximo 1 de xuño en Lugo.

Despois do éxito da primeira edición, a Asociación de Loita contra as Enfermidades Renais (Alcer Lugo) decidiu cambiar a data da cita para achegala ao Día Nacional do Donante de Órganos e Tecidos, que se celebra o 4 de xuño, co obxectivo de optimizar o impacto de ambas as campañas de sensibilización.

A carreira manterá a mesma estrutura de probas por tramos de idade que o ano pasado: unha andaina pola Muralla, a carreira de pitufos para os máis pequenos, as categorías 10-12 e 14-16, e a categoría absoluta, que consistirá en dúas voltas completas ao monumento máis emblemático da cidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse coa presidenta de Alcer Lugo, María José Otero, e outros membros da entidade, para avaliar as fórmulas de colaboración na organización desta cita.

O delegado Javier Arias destacou o apoio continuo que a Xunta presta a Alcer Lugo, tanto na correcta prestación dos servizos que ofrece a entidade como nas actividades que organiza. Neste sentido, lembrou que recentemente a Consellería de Sanidade renovou o convenio de colaboración con Alcer Lugo, un acordo polo que se destinan 672.880 euros para financiar o traslado de pacientes que reciben tratamento de hemodiálise desde os seus domicilios ata os centros asistenciais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

A carreira 'Donar é amar' busca, ademais de promover a actividade física, sensibilizar sobre a importancia da doazón de órganos e tecidos, e espérase que nesta segunda edición a participación e a solidariedade dos lucenses creza aínda máis.

⚙ Configurar cookies
0.37109684944153