A segunda volta da proba O Gran Camiño pasa este venres por Portomarín, Monterroso, Palas e Guntín
A segunda volta da proba ciclista profesional O Gran Camiño pasa este venres por Portomarín. Os participantes virán pola N-540 do lado de Guntín e collerán dirección Portomarín no Alto do Hospital pola Lu-633, entrarán ao concello pola avenida de Chantada e chegarán á igrexa de San Nicolás. Seguirán a ruta dirección Paradela. Pasarán sobre entre as 14.15 e as 14.45.
A proba traerá á provincia de Lugo, por terceiro ano consecutivo, os mellores equipos e ciclistas internacionais, co patrocinio da área de Deportes. Nesta xornada, pasará por sete municipios ademais de Portomarín. Taboada -saída da etapa-, Monterroso, Palas de Rei, Guntín, Paradela, O Saviñao e Chantada -chegada – completan o itinerario lucense da proba, que concede especial protagonismo ás ribeiras do Miño.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro recordou durante a presentación do percorrido que, desde a primeira edición, "situou as comarcas de Lugo como escenario do mellor ciclismo internacional, o que supón unha plataforma inmellorable para a proxección do territorio ao chegar a pantallas de todo o mundo”. Ademais, que este ano o itinerario teña como referencia o Miño, un dos elementos xeográficos máis emblemáticos de Galiza e contribúa ao recoñecemento da viticultura da Ribeira Sacra, será "fundamental para o mantemento das paisaxes e do dinamismo económico, social e cultural das comarcas do sur de Lugo”.