A Semana de Cine de Lugo arrinca coa presentación dun libro dedicado a María Vázquez

A XLVII Semana de Cine de Lugo comezou este luns cun acto cultural no que se presentou o libro “María Vázquez, de María a Matria”, unha obra do escritor Manuel Curiel editada expresamente para esta edición do festival. O volume percorre en detalle a traxectoria artística e a filmografía da actriz galega María Vázquez, protagonista da homenaxe central do certame deste ano.
No acto, no que participou a deputada de Cultura Iria Castro, o público asistiu a unha introdución á carreira da intérprete a través da análise de Curiel, antes de dar paso á proxección da curtametraxe “A sombra do castiñeiro” de Marcos Varela, rodada en 2024 e coa propia María Vázquez como protagonista.
As primeiras proxeccións celebradas en distintos espazos culturais da cidade marcan así o inicio dunha semana na que o cinema volverá ser o grande protagonista en Lugo.