A Semana de Cine de Lugo sorteará debuxos orixinais do cartel da súa 47ª edición

A organización da Semana de Cine de Lugo, a través do colectivo Fonmiñá, chegou a un acordo co autor do cartel da súa 47ª edición, o artista lucense Primitivo Marcos, para sortear entre o público asistente seis dos debuxos orixinais realizados durante o proceso creativo do cartel.
Os sorteos celebraranse durante as sesións da sección oficial da Semana, entregándose á entrada unha folla numerada para que os asistentes poidan participar tras cada proxección. A decisión tomouse ante a boa acollida que está a ter a exposición entre os afeccionados ao cinema da cidade.
A mostra abriu as súas portas o pasado 26 de xuño na Biblioteca Provincial de Lugo, coincidindo co centenario da estrea de La quimera del oro, de Charles Chaplin. A exposición recolle o cartel definitivo da XLVII Semana de Cine de Lugo, así como os quince bocetos previos elaborados por Primitivo Marcos, todos eles inspirados neste clásico do cine mudo como homenaxe da Semana ao filme e ao seu creador.
Durante o acto inaugural, o autor do cartel explicou o seu proceso creativo, comentando os distintos pasos dados ata chegar ao deseño final.
Inicialmente estaba previsto que a mostra se recollese durante o verán para volver abrirse coincidindo co evento, que terá lugar entre o 22 e o 27 de setembro, mais finalmente, e grazas á colaboración coa Biblioteca Provincial, a exposición permanecerá aberta ao público durante todo o verán na entrada do edificio.