A Semana Internacional de Cine de Lugo celebrará a súa 47 edición do 22 ao 27 de setembro

A 47 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo, que se celebra anualmente desde 1979, terá lugar do 22 ao 27 de setembro de 2025 e que este ano presenta un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes.
A Semana de Cinema servirá para render tributo á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño —“O gaucho galego”—, que contarán coa súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez.
O programa desta edición artéllase en dúas liñas diferenciadas pero complementarias: as proxeccións oficiais e as actividades paralelas. Dentro do primeiro bloque programaranse máis de 148 filmes, unha cifra que corresponde unicamente ás sesións oficiais, xa que non inclúe as exhibicións previstas nas actividades complementarias. Entre elas, 50 estarán rodadas en lingua galega.
Mantéñense as seccións tradicionais, como ‘O mellor do ano’ e a ‘Sección Oficial’, que se proxectarán todos os días ás 10.00 e ás 22.00 horas, respectivamente, no auditorio Gustavo Freire. Todas estas sesións virán acompañadas da proxección dun curtametraxe antes do filme principal.
No mesmo espazo terá lugar o ciclo infantil, reducido nesta ocasión a unha única proposta: Flow, un mundo que salvar, que poderá verse o sábado 27 ás 12.00 horas. Esta redución débese á incorporación da sección ‘Cine de Nadal’, con películas de animación que se exhibirán as tardes de martes a xoves na sala da Xunta de Galicia.
A programación inclúe tamén 13 longametraxes dentro da sección ‘Cine Galego’, que se proxectarán de martes a venres ás 18.00 e 20.00 horas.
Pola súa banda, a Deputación Provincial acollerá dous ciclos diarios: ás 17.30 horas será a quenda dos documentais e ás 20.00 horas do cine homenaxe. A primeira película homenaxe será A sombra do castiñeiro, protagonizada por María Vázquez, a actriz chantadesa recoñecida pola súa interpretación en Matria.
Na Biblioteca Provincial completarase o programa con seis títulos de ‘Cine Español Inédito’ e unha sesión dedicada a ‘90 anos de radio en Lugo’. Finalmente, O Vello Cárcere será o escenario para os curtametraxes: ás 17.30 horas proxectaranse os de carácter xeral e ás 20.00 horas os rodados en galego.
O salón de conferencias da Delegación Territorial será o espazo que acolla o ciclo de Cinema galego, con trece producións rodadas nos anos 2024 e 2025 que reflicten o bo momento que vive o audiovisual en Galicia.
A sede do Edificio Administrativo converterase tamén no escenario do ciclo de Cinema de Nadal en lembranza ao Belén de Begonte, mentres que na Biblioteca Pública Provincial terá lugar o ciclo de Cinema español inédito e a homenaxe aos 90 anos da radio en Lugo, ademais de recuperar a mostra sobre o cartel da edición actual.
Esta exposición reúne tanto o resultado final como os quince debuxos preparatorios realizados polo artista Primitivo Marcos para conmemorar o centenario da estrea da emblemática película La quimera del oro, de Charles Chaplin. Fonmiñá sorteará seis destes esbozos entre o público asistente ás proxeccións da sección oficial.
O programa completarase con diversas actividades, entre elas unha mesa de debate sobre o alzhéimer, unha exposición dedicada á Muralla de Lugo, un certame de escaparates ou sesións de cine na sede de Aspnais e nos centros penitenciarios de Bonxe, Teixeiro e Monterroso en colaboración coa Asociación Concepción Arenal.
O ACTO
No acto de presentación participaron a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, o presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, a deputada de Cultura, Iria Castro, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da USC, así como integrantes do Comité Organizador do evento.
Durante a presentación, Maite Ferreiro subliñou a importancia de apoiar dende as institucións a produción cultural propia, especialmente o cinema en galego, e destacou que "as experiencias que temos din que contamos con narradores e narradoras de historias moi boas, que crean obras fermosas e interesantes, contribuíndo á defensa e promoción da nosa lingua e da nosa cultura, que é o faro que nunca debemos perder de vista".
A concelleira tamén lembrou que afeccionados e afeccionadas ao cinema esperan cada setembro con ilusión o programa da Semana de Cine, que ofrece centos de películas e curtas grazas ao traballo do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.
Pola súa banda, Iria Castro destacou que a Semana de Cine consolidouse como unha cita imprescindible no calendario cultural ao remate do verán, permitindo ao público disfrutar de filmes que non chegan ás salas comerciais pero que se caracterizan por unha elevada calidade artística.
Ferreiro salientou ademais o labor do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, que durante preto de cinco décadas leva dando visibilidade ao cine entre a veciñanza de Lugo, e subliñou que a Semana de Cine é unha das actividades máis relevantes do calendario cultural da cidade.