A Semana Santa de Lugo 2026 contará este ano con 12 procesións

A Semana Santa de Lugo 2026 contará este ano con 12 procesións, tal e como se anunciou na Sala Capitular da Catedral de Lugo, que acolleu a presentación da programación, que conta coa colaboración da Deputación, que achega 12.000 euros á Xunta de Confrarías, e a da Xunta de Galicia, co fin de impulsar esta cita relixiosa e cultural declarada de Interese Turístico de Galicia e en busca de recoñecemento nacional.
Así, comezará o 25 de marzo coa lectura do pregón na Igrexa da Nova a cargo de José Antonio Roldán, Comandante Militar de Lugo e xefe do Campo de Manobras e Tiro de Parga. Continuará o 26 de marzo co II Concerto “A música tradicional galega nas marchas procesionais” de Bruno Vilamor no Auditorio do Vello Cárcere. O 27 de marzo celebrarase o solemne Vía Crucis na praza Pío XII e na Catedral, presidido polo Bispo Alfonso Carrasco Rouco, no que o paso do Cristo de Misericordia será portado por 40 mulleres. O 28 de marzo terá lugar o IX Concerto de Música Sacra na Igrexa de San Pedro a cargo da Banda Filarmónica de Lugo.
Durante a Semana Santa, o 29 de marzo, Domingo de Ramos, abrirán as procesións a Borriquita e a Virxe das Dores, seguido o Luns Santo pola Virxe da Esperanza, o Martes Santo polo Bo Xesús e o Nazareno, o Mércores Santo polo Santo Cristo do Perdón e Nosa Señora da Piedade, e o Xoves Santo coa procesión da Santa Cea. O Venres Santo percorrerán a cidade a Paixón do Señor, o Desencravo, o Santo Enterro e a Virxe da Sociedade (As Caladiñas). O Sábado Santo terá lugar a procesión da Virxe da Piedade, do Santo Rosario e o Vía Crucis, rematando coa solemne Vixilia Pascual, mentres que o Domingo de Pascua celebrarase o Santo Encontro, a Misa Pontifical de Resurrección e a procesión do Cristo Resucitado ao remate da misa.
Durante a presentación, o deputado Pablo Rivera destacou que a Semana Santa de Lugo “é unha festa de devoción, pero tamén un encontro familiar e unha oportunidade para atraer visitantes e fomentar o turismo experiencial e cultural”. Subliñou ademais o traballo das confrarías lucenses, responsables de manter viva esta tradición: “É moi difícil traducir en palabras o esforzo que realizan durante todo o ano para que todo saia adiante nunha semana na que ás veces o tempo non acompaña e hai moito traballo detrás”.
Pola súa parte, o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, agradeceu á Xunta de Confrarías o seu labor de impulso e promoción desta cita, que combina “relixión, cultura e tradición” e ocupa “un lugar destacado dentro da oferta turística da capital lucense”. Arias subliñou na presentación que o patrimonio monumental e histórico da cidade cobra especial relevancia nos actos que se desenvolven durante a Semana Santa, e resaltou o compromiso da Xunta coa súa preservación e posta en valor. Nese sentido, referiuse entre as actuacións máis recentes aos traballos encamiñados a solucionar os problemas de humidade na Catedral de Santa María, que contaron cun orzamento de 450.000 euros.