A sesión sobre regularización de persoas migrantes será finalmente no salón da Deputación

A elevada demanda de asistentes á sesión informativa sobre regularización extraordinaria de persoas migrantes, que terá lugar este sábado 28 a partir das 19.00 horas, levou á Concellería de Movementos Migratorios a cambiar a ubicación do acto. Finalmente, a actividade celebraráse no salón de actos da Deputación de Lugo, que conta con maior aforo que a Casa das Asociacións do parque da Milagrosa, sede inicial da iniciativa.
A sesión correrá a cargo do edil responsable da área, Waldir Sinisterra, quen destacou que “polo de agora hai inscritas 125 persoas, o que demostra o gran interese que esperta este tema, sobre o que pretendemos ofrecer información rigorosa e contrastada, ademais de resolver dúbidas fronte á desinformación sobre a tramitación deste proceso, anunciado polo Goberno de España”.
A actividade conta coa colaboración da Asociación Rioplatenses de Lugo e da Asociación de Venezolanos en Lugo (VENELUGO). O Goberno local destacou o papel do tecido asociativo como elemento clave para achegar información útil, rigorosa e accesible, reforzando o carácter próximo, participativo e de servizo público desta sesión divulgativa.
O concelleiro Waldir Sinisterra explicou que “a iniciativa xorde ante a necesidade de ofrecer un espazo informativo rigoroso, especialmente nun contexto no que circula abundante información incorrecta ou incompleta”. Engadiu que “é fundamental actuar con cautela e responsabilidade institucional, á espera de contar con todas as certezas xurídicas unha vez que se publique o Real Decreto no Boletín Oficial do Estado, que definirá con precisión os parámetros do proceso”. Tamén indicou que “queremos que as persoas conten con datos fiables e contrastados, que saiban que requisitos se están a manexar e cales son os prazos orientativos, sempre deixando claro que haberá que agardar ao marco normativo definitivo”.
A charla abordará cuestións como os requisitos xerais para acceder á regularización, entre eles a acreditación dunha permanencia continuada en España durante un período mínimo previo ao 31 de decembro de 2025 e a ausencia de antecedentes penais, así como os prazos nos que previsiblemente se abrirá o proceso de solicitude. Ademais, explicarase como esta medida se integra nunha estratexia máis ampla de política migratoria orientada a garantir dereitos, seguridade xurídica e integración social e laboral.