A sociedade de Navia de Suarna concentrouse en defensa da atención primaria

A plataforma SOS Sanidade Pública mobilizou á cidadanía para reclamar máis recursos e frear o deterioro do sistema sanitario
concentración-Navia-de-Suarna-centro-de-saúde
13 Apr 2026

A sociedade de Navia de Suarna controuse diante do centro de saúde, no marco dunha xornada de mobilizacións en toda Galicia en defensa dunha atención primaria de calidade convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Estas protestas enmárcanse na conmemoración do Día Internacional da Atención Primaria, que se celebra o 12 de abril, e teñen como obxectivo reclamar un maior apoio político e máis recursos para este nivel asistencial, considerado clave dentro do sistema sanitario público.

Desde a plataforma denuncian que a atención primaria en Galicia atravesa unha situación de saturación, con falta de persoal e unha perda progresiva da calidade asistencial. Esta problemática, sinalan, é especialmente grave no ámbito rural, onde moitos centros presentan limitacións no seu funcionamento ou mesmo permanecen pechados.

Ademais, advirten de que a precariedade laboral está a provocar a saída de profesionais, ao tempo que se recorre á contratación de persoal non especializado, unha situación que, ao seu xuízo, pon en risco o modelo sanitario actual.

Entre as súas reivindicacións, SOS Sanidade Pública reclama aumentar o financiamento da atención primaria ata acadar o 25% do orzamento sanitario, garantir unha mellor accesibilidade e continuidade asistencial, reforzar os cadros de persoal mediante oposicións anuais e reducir a carga burocrática.

Tamén propoñen impulsar políticas de saúde comunitaria, mellorar a formación e a investigación neste ámbito e fomentar a participación cidadá a través de órganos como os consellos de saúde.

0.11877298355103