A sociedade de Portomarín despide ao veciño e portavoz do PSOE de Portomarín, Marcos Arias

LugoXa
O secretario xeral dos socialistas, José Tomé, describíao como candidato á Alcaldía de Portomarín como unha persoa "que ten un coñecemento moi amplo do Concello"
MARCOS ARIAS-CANDIDATO PSOE PORTOMARIN
25 Nov 2024

A sociedade de Portomarín despide ao veciño e portavoz do PSOE de Portomarín, Marcos Arias, que faleceu esta fin de semana aos 41 anos.

Nado na parroquia de Gonzar, en Portomarín, dedicábase ao sector da gandaría mentres levaba ao Concello de Portomarín as necesidades dos veciños a través de propostas e queixas despois de presentarse como candidato ás eleccións municipais do 2023.

Daquela, o secretario xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, sostiña que Marcos Arias "conxuga tódolos valores socialistas que son necesarios para acadar a Alcaldía". E lembraba que o socialista xa fora concelleiro con só 19 anos, "polo tanto xoga con moita vantaxe, xa que ten un coñecemento moi amplo do concello no que traballa e no que vive coa súa familia. Ten moitas gañas de traballar polos seus veciños e veciñas e sacar o seu concello adiante”.

Marcos Arias substituíu como cabeza de lista a Silvia Rodríguez, que estivo dúas décadas representando ao PSOE de Portomarín. Ademais, na Festa da Augardente de Portomarín deste ano foi nomeado como Cabaleiro da Orde Serenísima da Alquitara, o que recoñece a traxectoria de figuras representativas da sociedade.

0.17381000518799