A Sociedade Deportiva Castroverde ascende a 2ª Autonómica

A Sociedade Deportiva Castroverde celebrou este fin de semana un dos momentos máis importantes da súa traxectoria recente ao conseguir o ascenso á 2ª categoría autonómica. O equipo certificou o seu salto de categoría cunha contundente vitoria por 7-0 ante o Celeiro CDM, no campo da Veiga do Olmo.
O encontro estivo dominado polos locais, con varios goles de David, un deles desde o punto de penalti, que foi clave para sentenciar o partido. O Celeiro CDM chegou ao partido con só nove titulares e, tras sufrir unha baixa por lesión antes do descanso, afrontou a segunda metade cun xogador menos. Finalmente, decidiron retirarse do partido no minuto 70.
Desde o Concello de Castroverde trasladaron os seus parabéns ao equipo polo esforzo, o compromiso demostrado e por acadar un ascenso moi traballado ao longo da tempada. Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular tamén felicitou á SD Castroverde, destacando que este logro supón “o cumio dunha tempada espectacular. Gran equipo e gran unión”.
A histórica goleada e o ascenso sitúan á SD Castroverde como un referente do fútbol local, consolidando o seu proxecto deportivo e renovando as ilusións da afección para a nova etapa en 2ª Autonómica.