A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes analiza en Lugo o papel da gandería extensiva na recuperación do territorio

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrará os vindeiros 23 e 24 de outubro a súa décima reunión de outono, un encontro formativo que se desenvolverá no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Nesta edición, as xornadas centraranse na recuperación do territorio a través do pastoreo e da gandería extensiva como ferramentas de sustentabilidade e equilibrio rural.
Durante as dúas xornadas presentaranse unha ducia de experiencias de gandería extensiva desenvolvidas en distintos puntos de Galicia, que se complementarán con proxectos de referencia doutros territorios do Estado, como a Escola de Pastors i Pastores de Catalunya. O programa inclúe tamén espazos de debate sobre cuestións clave como o relevo xeracional nas explotacións, o papel das administracións locais na dinamización do medio rural ou o papel da Escola Politécnica como vía de acceso ao sector agrogandeiro.
O deputado de Rural, Daniel García, subliñou que estas xornadas representan “unha importante oportunidade de formación e intercambio de coñecementos entre profesionais do sector, arredor dun modelo produtivo sostible que apoiamos desde a área de Rural mediante distintas liñas de axuda e programas de impulso”.
O evento abrirase o mércores 23 coa benvida e a proxección dun vídeo conmemorativo, seguida da presentación de diferentes experiencias inspiradoras de gandería extensiva, entre elas as de Javier Fernández Gómez, Ovidio Queiruga, a CMVMC de Meira (Moaña), Javier Cotado, Álex Varela e Yolanda Pacín, Granxa Teixeiro e Pistón, Marcos Fernández Guerra, Uxía Salvatierra, Granxas de Lousada SC e Mariví Rodríguez, de Granxa Casa da Fonte. Pola tarde, as persoas participantes visitarán os proxectos Carballo Vivo e Traloagro.
O venres 24 a sesión abrirase coa presentación da Escola de Pastors i Pastores de Catalunya, a cargo de Laia Batalla, e continuará cunha sesión interactiva sobre os retos do relevo xeracional, un coloquio grupal e o nomeamento de novos socios de honra. Xa pola tarde abordaranse temas como a relación entre incendios, poboación e gando, a cargo de Xabier Fernández Arias; as oportunidades da gandería extensiva no futuro, con Román Sánchez, da cooperativa A Carqueixa; o papel dos concellos na dinamización rural, a cargo de Roberto Fernández, da Fundación Terreo; e o papel da Escola Politécnica como vía de entrada ao sector, con Benigno Ruiz e Brais Vázquez. As xornadas pecharanse ás 17:30 horas.