A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebra en Lugo a súa X Reunión de Outono

A X Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes inaugurouse hoxe na Escola Politécnica de Lugo.
A área de Rural da Deputación de Lugo apoia a organización deste evento, que pon o foco na recuperación do territorio a través do pastoreo e da gandería extensiva, tomando como referencia a experiencia dunha ducia de gandeirías galegas e de colectivos e profesionais doutros puntos do Estado, como a Escola de Pastors i Pastores de Cataluña.
Durante a súa intervención, o deputado Daniel García puxo en valor a traxectoria da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que definiu como “unha ferramenta de transferencia de coñecemento vital e motor de innovación no rural desde a súa creación en 2014, co impulso de Eloi Villada”. Ademais, destacou “a súa aposta por unha produción máis especializada e intensiva, pero baseada na herba e no pastoreo”.
A xornada de hoxe continúa coa presentación de diversas experiencias de gandería extensiva a cargo de Javier Fernández Gómez, Ovidio Queiruga, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meira (Moaña), Javier Cotado, Álex Varela e Yolanda Pacín (Granxa Teixeiro e Pistón), Marcos Fernández Guerra, Uxía Salvatierra (Granxas de Lousada SC), Mariví Rodríguez e Granxa Casa da Fonte. O programa concluirá con visitas ás iniciativas Carballo Vivo e Traloagro.
Mañá será a quenda da Escola de Pastors i Pastores de Cataluña, que presentará o seu modelo formativo, e abordaranse cuestións como os retos do relevo xeracional na gandería, o papel da gandería extensiva na prevención de incendios, a implicación dos concellos no dinamismo rural e o posicionamento da Escola Politécnica como vía de entrada ao sector agrogandeiro.