A sociedade lucense mostra o seu apoio ao pobo palestino e denuncia a represión contra a Flotilla da Liberdade

A cidade de Lugo viviu onte, xoves 2 de outubro, unha multitudinaria mobilización en apoio ao pobo palestino e en protesta pola detención dos voluntarios que viaxaban na Flotilla da Liberdade con alimentos e axuda humanitaria destinados a Gaza.
A concentración deu comezo ás 19.00 horas diante da Casa Consistorial e avanzou polas rúas do centro ata o recinto feiral do San Froilán, interrompendo por momentos a actividade lúdica das barracas cunha causa que os manifestantes consideraron máis que xustificada.
A iniciativa, impulsada pola plataforma Lugo x Palestina, converteuse nunha mostra de solidariedade cidadá e de unidade coa causa palestina, en sintonía coas mobilizacións que se celebraron o mesmo día en cidades como Madrid, Barcelona, Túnez ou Río de Janeiro.
Desde Lugo x Palestina lembraron que esta é só unha das moitas accións que están a promover. A entidade tamén fixo sentir a súa voz no Caudal Fest polo seu vínculo con Israel e anunciou que continuará impulsando novas iniciativas ata que se poña fin ao conflito humanitario e ao xenocidio, así considerado xa pola ONU, en Gaza.