A sociedade lucense pide a implicación das administracións públicas para a construción dun novo Pazo dos Deportes

LugoXa
Técnicos e representantes públicos tamén coinciden en que Lugo precisa un novo pavillón que poida acoller os máis de 5.000 abonados do CB Breogán
Pazo-dos-Deportes-Lugo-portada
21 Nov 2025

Cada xornada na que o Club Baloncesto Breogán xoga no Pazo dos Deportes, faise máis evidente a urxencia dun novo recinto deportivo. Milleiros de seareiros únense en cántigas na campaña #PorUnPazoDigno, que recolle o malestar social ante unhas instalacións de 1992 e que, segundo moitos, xa non dan máis de si.

Con xa case 40 anos de vida, a infraestrutura está próxima ao fin da súa vida útil, polo que cada vez son máis as voces que piden un novo espazo deportivo, como no seu día o Pazo substituíu ao antigo pavillón municipal.

Un dos elementos que máis demandan tanto xogadores como público xeral é un videomarcador, que xa debía estar instalado para a pasada tempada, pero desde a área de Deportes da Deputación de Lugo, que dirixe Efrén Castro, non se levou a cabo. Porén, comezando o verán prometeuse que a principios desta estaría instalado e, de novo, incumpríronse os prazos. Na actualidade, os equipos que xogan no Pazo e os afeccionados continúan esperando a instalación do videomarcador que, polo menos, xa está licitado. Así e todo, algúns técnicos alertan de que, aínda que a instalación do novo videomarcador poida ser viable, suporía levar a estrutura ao seu máximo límite de resistencia.

Por outra banda, a pesar das diferentes actuacións realizadas pola área de Deportes da Deputación de Lugo —como a mellora do pavimento, a impermeabilización da cuberta ou a eliminación de humidades—, estas intervencións apenas logran paliar as carencias dunha infraestrutura que non cumpre coas necesidades actuais. Concretamente, o pasado 6 de maio comezaron os traballos de reparación integral da cuberta do Pazo co prazo, segundo a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, de ter os traballos acabados en catro meses. Non obstante, a día de hoxe non se sabe cando rematarán; algo polo que tamén protestan os cidadáns que acoden ao Pazo a desfrutar dos diferentes encontros deportivos.

Técnicos e representantes públicos tamén coinciden en que Lugo precisa un novo pavillón que poida acoller os máis de 5.000 abonados do CB Breogán -e os que están en lista de espera para facerse socio, un equipo que compite na primeira Liga do baloncesto nacional. Pero non só por iso, senón porque en Lugo cada vez hai máis equipos que adestran neste mesmo espazo e non chegan as horas nas que se divide.

Moitos cidadáns pregúntanse por que o Partido Popular de Lugo, tan crítico coa Deputación nesta materia, non adopta a mesma firmeza á hora de reclamar á Xunta de Galicia un investimento decidido para construír un novo Pazo. O contraste é evidente: mentres o CB Breogán conta con arredor de 5.050 abonados e unhas instalacións limitadas estruturalmente, o Club Deportivo Lugo, con menos de 3.000 socios, recibiu recentemente un investimento da Xunta de máis de 3,8 millóns de euros para reformar o estadio Anxo Carro.

Lugo necesita un novo pavillón, moderno e na liña dos pavillóns da ACB, que ademais de acoller eventos deportivos, tamén poida acoller outras propostas culturais, como concertos, representacións teatrais, etc. Algo que non puido facer o novo Auditorio Fuxan Os Ventos, que tendo a dimensión que ten, de 20.000 metros cadrados, divídese de tal forma que, no salón central, a sala máis grande, ten só 50 butacas máis que o Auditorio Gustavo Freire, unha capacidade para 900 persoas; o que non permite que paren en Lugo grandes espectáculos que esixen dunha infraestrutura máis ampla. A Xunta, que investiu a meirande parte dos fondos para a súa construción e posta a punto, un custo total de case 25 millóns de euros, é a primeira sinalada como culpable da situación, pola súa falta de ambición na cidade amurallada.

Para poñer en marcha ese novo pavillón, é necesario que todas as administracións —Concello, Deputación, Xunta e Goberno central— unan as súas forzas nun obxectivo común: dotar a Lugo dun novo pavillón moderno, seguro e acorde coas necesidades actuais, polo ben do deporte e da cidadanía lucense. Este espazo, ademais, sería un lugar de encontro para familias e amigos de diferentes lugares que se xuntan nun espazo a desfrutar dun espectáculo deportivo, posibilitando xerar ingresos a través de cafeterías, restaurantes e incluso unha tenda de promoción dos produtos do propio club da ACB.

⚙ Configurar cookies
0.10522198677063