A Sociedade Micolóxica Lucus organiza a XXIII Exposición de Cogomelos

A Sociedade Micolóxica Lucus celebrará este domingo 23 de novembro a XXIII Exposición de Cogomelos, unha convocatoria xa consolidada no calendario outonal da cidade e que cada ano atrae máis dun milleiro de visitantes ao Pazo de San Marcos.
A mostra reunirá unha ampla selección de especies representativas dos diversos hábitats da provincia, todas elas identificadas con precisión e acompañadas de información divulgativa destinada a facilitar o coñecemento micolóxico entre o público.
O programa completarase cunha exposición fotográfica dedicada ás distintas especies de fungos, outra centrada nos hábitats micolóxicos da provincia e unha presentación audiovisual accesible para todas as persoas visitantes.
A iniciativa busca poñer en valor a extraordinaria biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola Deputación de Lugo, un espazo no que a Sociedade Micolóxica Lucus forma parte do Órgano de Participación desde hai trece anos.
Ao longo de toda a xornada, integrantes da entidade resolverán dúbidas e atenderán as consultas das persoas asistentes, co obxectivo de ofrecer unha formación rigorosa e contribuír á prevención de intoxicacións por consumo de cogomelos.
A actividade, subvencionada pola Deputación de Lugo, abrirá as portas de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30, e inclúe un sinxelo acto de inauguración previsto para as 12:00 horas coa presenza de autoridades locais.