A Sociedade Micolóxica Lucus presenta un novo número da súa revista
A Sociedade Micolóxica Lucus presentou unha nova edición da Revista Micolucus, a nº 10 - 2023 da SMLucus, acto a cargo do presidente da entidade, Julian Alonso, e coa presenza do deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández.
"Desde a Sociedade Micolóxica Lucus e coa intención de consolidarse coma unha publicación anual de referencia no eido da micoloxía e a natureza, editamos este décimo número da nosa revista Micolucus, que este ano presenta o maior contido da historia da publicación", dixo Alonso.
No acto oficial de presentación deste novo número da revista Micolucus, a maioría dos autores presentaron publicamente o seu traballo para a revista, un traballo realizado en colaboración da Deputación de Lugo, Reserva da Biosfera Terras Do Miño, Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses.
Destacou o deputado o labor deste colectivo para preservar a riqueza e a diversidade do medio ambiente, “un patrimonio que debemos coidar para deixar ás futuras xeracións, e que debemos aproveitar con intelixencia para desenvolver modelos de desenvolvemento sostible”. Puxo os cogomelos como exemplo desa diversidade. A Deputación colaborou con este traballo cunha achega de 3.500 euros.
Na presentación entregouse, de xeito gratuíto, un exemplar da revista a cada asistente.