A Sociedade Micolóxica Lucus presentou a undécima edición da revista Micolucus
O presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, presentou a undécima edición da revista Micolucus, que conta cunha achega da Deputación de Lugo de 3.500 euros.
No acto, no que tamén estivo o deputado Rivera Capón, os asistentes puideron levar un exemplar da revista que, neste novo número, recolle traballos científicos e divulgativos do eido da micoloxía, a botánica, a ornitoloxía ou o astroturismo e tamén temas como a biodiversidade de zonas serpentiníticas ou as orquídeas silvestres da provincia de Lugo.
A Sociedade Micolóxica Lucus forma parte dos órganos de participación das Reservas da Biosfera do Miño e Ancares, xestionadas pola Deputación de Lugo.
Rivera Capón dixo que esta publicación tense convertido “nun referente” para o coñecemento da micoloxía, a natureza e a biodiversidade da nosa provincia. Ademais, a revista distribúese en todo o territorio nacional e internacionalmente en 15 países distintos.