“A súa carne ten o auténtico sabor de antano”
Por Miriam García
A galiña de Mos, unha das razas máis antigas da Península Ibérica, leva o nome da parroquia de San Xulián de Mos, no municipio lucense de Castro de Rei, onde tivo a súa orixe. Esta raza, recoñecida como autóctona polo Ministerio de Agricultura, destaca pola súa carne magra e de sabor intenso, así como polos seus ovos, ambos cunha calidade altamente valorada no mercado.
Francisco José Monasterio, presidente da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós), explica: “Os galos da galiña de Mos están criados ao aire libre, sacrifícanse cun promedio de nove meses e teñen unha carne magra, máis escura e sen graxa exterior, cun sabor auténtico, coma o dos pitos de moito tempo, que se comían nas vodas como prato estrela”. Falamos con el para coñecer máis sobre esta raza autóctona galega.
Até onde se remonta a orixe desta raza?
A galiña de Mos chegou a Galicia a comezos do século XX, procedente do centro de Europa. Inicialmente era utilizada como animal de loita, non para consumo. Co tempo, foise asentando no territorio galego e a xente comezou a apreciar a calidade da súa carne e ovos, transformándose nunha raza de consumo.
Creceu o número de produtores?
En xeral, todos os anos hai un pequeno crecemento no número de produtores. Durante a pandemia da Covid-19 reduciuse un pouco, pero estamos a recuperar o nivel. Na actualidade, somos arredor de 185 criadores rexistrados en Avimos, que entre todos criamos máis de 7.000 galiñas reprodutoras, o que supón unhas 20.000 vendas anuais.
Avimos impulsa a expansión desta raza autóctona única cunha crianza tradicional e coa posta en marcha de proxectos educativos nos colexios galegos
Ampliou a súa zona de influencia?
As razas non teñen fronteiras. Contamos con criadores fóra de Galicia, algúns de uso privado que colaboran con Avimos. Enviámoslles ovos, xa que hoxe en día non hai empresas de transporte que permitan enviar exemplares vivos, o que complica a expansión da raza fóra de Galicia. Actualmente, a única opción é enviar ovos para incubación.
Como está funcionando a campaña de incubadoras nos colexios?
Está a ir de marabilla, superou as nosas expectativas. Comezamos cunha incubadora de pitos e agora temos seis só na provincia de Lugo. Temos un convenio coa Deputación de Lugo, que nos facilita dúas incubadoras, e a comezos do próximo ano incorporaremos unha terceira. Ademais, estamos a negociar coa Deputación da Coruña para replicar esta iniciativa co seu apoio. A acollida por parte dos nenos, profesores e familias está a ser incrible. De feito, ao inicio deste curso xa non tiñamos prazas dispoñibles e estamos a recibir solicitudes para o ano que vén.
En que se diferencia a carne da galiña de Mos doutras razas comerciais?
Os galos da galiña de Mos críanse ao aire libre e sacrifícanse con nove meses de media. A súa carne é magra, máis escura e sen graxa exterior, pois esta está infiltrada. Ten unha textura máis firme, que require mastigación, moi diferente da carne dos pitos de supermercado, criados en 40 días. O sabor é auténtico, coma o dos pitos de antano que se servían nas vodas como prato estrela. A aceptación entre os consumidores é moi boa, aínda que o prezo é superior ao dos pitos comerciais. É un produto que se adoita consumir en celebracións e festas, e ten tamén moito éxito na hostalaría como prato estrela.
Cal é o produto que máis gusta?
Tanto a carne como os ovos teñen moi boa aceptación. Ademais, destacamos a pularda, unha pita sacrificada antes de que comece a poñer ovos, que ofrece unha explosión de sabor, aínda que é un luxo pouco frecuente. Tamén se venden galiñas vellas, cando deixan de poñer, e os galos.
Que opina sobre o Capón de Vilalba?
É moi importante, especialmente para a hostalaría, xa que require un rexistro sanitario que só se garante mediante sacrificio en matadoiros. En Vilalba estase a habilitar un matadoiro que permitirá cumprir con estas medidas, o que favorecerá que novos criadores poidan establecerse no rural e producir capón durante todo o ano. Isto non afectará ao tradicional capón de Nadal, cuxa demanda segue sendo moi alta e non se poderá abastecer na súa totalidade. Por iso, penso que o Concello debería apoiar esta iniciativa para garantir unha regulación sanitaria e fomentar a produción de capóns.