A Subdelegación acolleu unha concentración polas mulleres asasinadas esta fin de semana
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, convocou esta mañá un minuto de silencio como sinal de repulsa ante os últimos crimes machistas perpetrados esta fin de semana, trasladando as condolencias ás familias afectadas. A este acto acudiron representantes do Concello de Lugo, da Deputación provincial, así como das Forzas e Corpos de Seguridade e persoal da Subdelegación e da Administración Xeral do Estado.
Isabel Rodríguez cualificou de inaceptable este “goteo incesante de asasinatos de mulleres”, censurando “coa maior das contundencias a violencia machista que aínda algúns sectores pretenden cuestionar ou mesmo negar”. Determinou que “esta violencia estrutural segue a ser unha das principais cuestións de Estado, que require da implicación e concienciación sen fisuras de toda a sociedade”.