A Subdelegación do Goberno de Lugo presenta a campaña con motivo do 8 de marzo

A Subdelegación do Goberno de Lugo presenta a campaña con motivo da semana do 8 de marzo, que consiste na distribución de caixas con espellos no seu interior entre as mulleres ao longo da semana. O obxectivo é fomentar a autoafirmación e o autoconcepto sen depender da mirada ou aprobación externa.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, en colaboración coa Asociación Axel, e acompañada por representantes da entidade e pola xefa da Unidade de Violencia Sobre a Muller, María Luisa Castro; destacou a importancia de accións coma esta no marco do Día Internacional da Muller: “Queremos que cada muller que abra esta caixa vexa reflectida a súa propia imaxe e lembre que o seu valor non depende de ninguén máis. A verdadeira liberación comeza cando nos desfacemos dos cánones impostos pola sociedade”.
A campaña emprega unha alegoría baseada na mitoloxía grega, facendo referencia ás “caixas de Pandora”, simbolizando a ruptura coas imposicións externas. O espello, situado no interior da caixa, representa a oportunidade de mirarse sen filtros nin xuízos, reivindicando que a identidade das mulleres non debe estar condicionada pola aprobación masculina. “O espello foi historicamente unha ferramenta de control sobre as mulleres. Queremos resignificalo como un símbolo de recoñecemento e empoderamento”, afirmaron desde AXEL.
A Subdelegación do Goberno en Lugo financia integramente esta campaña dentro do seu compromiso coa igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista. “O 8M é unha data para celebrar os avances, pero tamén para lembrar todo o que queda por facer. Desde as administracións temos a responsabilidade de apoiar iniciativas que axuden ás mulleres a sentirse libres, seguras e valoradas”, concluíu Isabel Rodríguez.