A Subdelegación do Goberno en Lugo abre as súas portas á cidadanía
A subdelegación do Goberno en Lugo celebrou unha xornada de portas abertas con motivo da semana da Administración Aberta, unha iniciativa que ten como finalidade achegar as administracións públicas á cidadanía baseándose nos principios do Goberno aberto: transparencia, rendición de contas, participación cidadá, integridade pública e colaboración.
As persoas interesadas en coñecer este programa acudiron ao edificio da Subdelegación e foron recibidas polo vicesecretario xeral, Luis Torres, quen fixo de instrutor e guía para dar a coñecer os servizos, competencias e funcións da Administración Xeral do Estado na provincia de Lugo.
En primeiro lugar, tiveron un encontro no salón de actos para afondar sobre as distintas posibilidades que existen de comunicación vía web coa administración, mostrando ferramentas informáticas de grande utilidade como a carpeta cidadá, desde onde se poden facer trámites dun xeito sinxelo. Nesta liña, abordaron a importancia de contar co certificado dixital para poder ver todas as notificacións.
Ademais, analizaron a carta de servizos aprobada este ano e facilitouse información para realizar consultas en materia de vivenda descargando o certificado catastral, para realizar unha solicitude mediante o rexistro electrónico da AGE ou para comprobar o saldo de puntos da DGT, entre outros trámites.
Na segunda parte da visita, fixeron un percorrido polos distintos departamentos para coñecer de primeira man o traballo da Unidade de Violencia contra a Muller, de Estranxeiría, ou do rexistro. Tanto o grupo de visitantes como o persoal da Subdelegación amosáronse satisfeitos coa iniciativa para acurtar distancias coa cidadanía, dar o coñecer o traballo diario da administración e fortalecer a transparencia dos servizos públicos.