A subdelegada do Goberno en Lugo coordina o dispositivo de seguridade para as festas do Arde Lucus

LugoXa
Isabel Rodríguez destaca a colaboración entre forzas de seguridade e administracións para garantir unhas celebracións seguras
Xunta-local-seguridade-Arde-Lucus-Lugo
4 Jun 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu a Xunta Local de Seguridade de Lugo xunto ao alcalde, Miguel Fernández, para coordinar o dispositivo de seguridade na cidade ante unha nova edición das festas do ‘Arde Lucus’.

Isabel Rodríguez subliñou a importancia da colaboración das forzas e corpos de seguridade e das administracións para garantir o bo desenvolvemento desta tradicional cita prevista para os vindeiros 12, 13, 14 e 15 de xuño.

A Xunta Local de Seguridade abordou a situación de seguridade na cidade o ano pasado, cun descenso das infraccións penais do 5,44% respecto ao ano 2023.

Así, a Policía Local de Lugo despregará unha media de 8 a 10 patrullas durante as tardes do xoves ao domingo, con reforzos específicos nas noites do venres e sábado, nas que se contará con 7 patrullas adicionais. A este operativo súmanse o equipo de mando, a atención á sala de comunicacións e o equipo de atestados, todos operativos de forma independente ás patrullas de seguridade cidadá. O domingo tamén se reforzarán os turnos de mañá e tarde con sete patrullas cada un.

Ademais, dende o Servizo de Bombeiros habilitaranse dúas dotacións formadas por 8 profesionais cuxa base para cubrir posibles incidencias estará situada na rúa Armanyá e na praza de Avilés. Pola súa parte, a Policía Nacional reforzará a súa presenza coa incorporación dun grupo da Unidade de Intervención Policial (UIP) desprazado desde A Coruña. A Garda Civil, establecerá controis nas principais entradas e saídas da cidade para contribuír á seguridade viaria, mentres que dentro do casco urbano realizaranse controis de alcoholemia e drogas.

O dispositivo cubrirá os principais eventos do programa, como o desfile de tropas, o asalto ao Monte Medulio, o circo romano ou o desfile infantil, entre outros, garantindo presenza policial permanente nos espazos de maior afluencia e risco.

Durante a sesión, o alcalde Miguel Fernández puxo en valor “a coordinación e o traballo conxunto entre todas as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencia, que son fundamentais para que o Arde Lucus se desenvolva coas máximas garantías e sen incidencias”. Fernández agradeceu tamén “a implicación e profesionalidade de todas as persoas que participan no dispositivo”.

A subdelegada agradeceu o traballo policial e destacou o compromiso do Goberno de España coa seguridade cidadá no conxunto do territorio e o desenvolvemento de políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero.

⚙ Configurar cookies
0.17335104942322