A subdelegada do Goberno en Lugo visitou as obras da glorieta na N-6 en Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A subdelegada explicou que “a intervención consiste na transformación en glorieta da actual intersección en ‘T’ da estrada N-6 coa estrada autonómica LU-115"
rotonda-Outeiro-de-Rei
9 Ago 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, supervisou as obras da nova glorieta que se está a construír na intersección do km 513,670 da N-6, no Concello de Outeiro de Rei.

Así, visitou a zona acompañada polo alcalde, José Pardo Lombao, destacando esta actuación que suporá a mellora da seguridade viaria, financiada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cun custo de 405.485,86 euros.

A subdelegada explicou que “a intervención consiste na transformación en glorieta da actual intersección en ‘T’ da estrada N-6 coa estrada autonómica LU-115, o que mellorará a súa funcionalidade ao resolver os importantes movementos de xiro que alí se realizan”.

Nesta liña, defendeu o traballo “dun Goberno que está a resolver progresivamente os problemas dos concellos da provincia, aportando solucións en materia de infraestruturas e reducindo os perigos nas estradas”.

A glorieta incrementará polo tanto a seguridade viaria da zona, facilitando todos os movementos e permitindo reducir a velocidade media do tráfico ao seu paso pola travesía de Outeiro de Rei, dispoñendo ademais de novos cruces peonís seguros nos tres accesos á mesma.

Ademais, contémplase a reposición de itinerarios peonís, paradas de autobús, elementos de drenaxe, sinalización, iluminación e outros servizos que resulten afectados polas obras da glorieta.

0.10278010368347